Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 2,3 millóns de euros a contratar a 291 persoas para obras e servizos sociais na Mariña

Nota de prensa

A XUNTA DESTINA 2,3 MILLÓNS DE EUROS Á CONTRATACIÓN DE 291 PERSOAS DESEMPREGADAS QUE TRABALLARÁN NOS CONCELLOS DA MARIÑA

A delegada territorial, Raquel Arias, subliña que o incremento na dotación dos Programas de Cooperación permite que “aumente nun 23% o número de contratos subvencionados” nos municipios da costa
Permanece aberta a liña de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia, que distribuirá outros 391.000 euros na provincia

Lugo, 10 de maio de 2011.- A Xunta de Galicia posibilitará a contratación nos vindeiros días de 291 desempregadas e desempregadas para a realización de obras e servizos de interese social nos concellos da Mariña lucense.

Así, a través dos Programas de Cooperación, a Consellería de Traballo e Benestar investirá nos municipios mariñaos 2.316.053,6 euros, contía que poderá incrementarse nos vindeiros meses mediante a distribución de 391.828 euros procedentes da liña específica de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia.

A delegada territorial, Raquel Arias, presentou hoxe o balance dos Programas de Cooperación, que este ano incrementan a dotación e posibilitan “que aumente nun 23% o número de contratos subvencionados nos concellos da Mariña con respecto aos do ano pasado”.

No conxunto da provincia a Xunta investirá 9.026.466,24 euros na contratación de 913 persoas desempregadas, segundo sinalou Arias, quen destacou que “o incremento global de case 1.200.000 euros dos investimentos destinados aos programas de cooperación e de axuda a mulleres vítimas da violencia“.

A delegada sinalou que reciben subvención todos os concellos da Mariña e que estas se distribúen conforme a “criterios obxectivos establecidos nas bases da convocatoria, que atenden, entre outros, a parámetros relativos ao número de persoas sen emprego residentes no municipio así como á evolución do paro rexistrado e da poboación total”.

Ao respecto, Arias reclamou ao alcalde de Foz, José María García Rivera, que “revise ben os datos que lle pasan, porque non lle dan as contas”. En resposta ás críticas nas que aseguraba que os contratos subvencionados pola Xunta minguaran considerablemente con respecto ao pasado ano, a delegada explica que o concello medrou tanto en número de traballadores como en importe global. “En concreto –sinala-, incrementou a dotación nun 4% e en 3 o número de traballadores”.

Custos laborais e incentivo á mobilidade

A través dos plans de cooperación os concellos incrementan o seu cadro de persoal sendo a Xunta de Galicia a que asume a totalidade dos custos laborais dos contratos. Igualmente, achega un incentivo á mobilidade xeográfica, de 180 euros mensuais, para mulleres vítimas de violencia que sexan contratadas a través dos programas de cooperación e que reúnan os requisitos para percibilo.

Ao respecto, a delegada destacou que esta liña de colaboración facilita que as administracións locais oferten servizos como os Grumir ou os equipos de salvamento e socorrismo, á vez que completan –ou incluso crean- brigadas de obras e amplían os servizos culturais, deportivos, turísticos e de ocio.

En todo caso, subliñou Arias, estes programas son antes que nada “un instrumento da Xunta de Galicia para fomentar o emprego”, xa que o fin último é proporcionar ás persoas desempregadas a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa posterior inserción laboral.

A delegada incidiu na importancia de que a Xunta teña reforzado os investimentos nas políticas activas de emprego “atendendo ás especiais circunstancias de crise nacional na que nos atopamos”.

Explicou que a Xunta de Galicia “fai unha aposta seria pola creación de emprego, consignando os recursos públicos a potenciar instrumentos como estes Programas de Cooperación cos concellos, que non teñen igual en ningún outro programa promovido por ningunha institución no presente ano”.

Arias asegurou que este programa “é transparente e conta cos concellos, xa que son eles mesmos os que detectan as necesidades, propoñen os traballos a realizar, e seleccionan e contratan aos traballadores que precisan”.

A duración dos contratos é variable, ata un máximo de 12 meses; en boa parte dos casos serán de 9 meses, sendo os máis curtos aqueles nos que a propia natureza do traballo a desenvolver determina o prazo, como ocorre cos socorristas que son contratados para os 3 meses do verán.

Exit mobile version