Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA convoca un concurso de fotografías e outro de relatos sobre o estado actual do territorio galego

NOTA DE PRENSA DE ADEGA

ADEGA ANIMA A PARTICIPAR NOS CONCURSOS DE FOTOGRAFÍAS E RELATOS POLO TERRITORIO

Os concursos “Fotografías polo territorio” e “O lugar onde vivo” enmárcanse na Campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”.

O prazo para presentar as obras a concurso será o vindeiro 1 de xuño.

Lugo, a 04 de Maio de 2011.- Dentro da campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”, cuxo lanzamento tivo lugar o pasado 16 de abril en Santiago de Compostela, ADEGA convoca un concurso de fotografías e outro de relatos co gallo de que a sociedade retrate o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra. Ambos os dous concursos están patrocinados pola Área de Cultura e Deporte de Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e contan coa colaboración das seguintes organizacións: AELG, AGAL, A MESA, ASPG, CIG, Nova Escola Galega, STEG, CCOO e UGT de Galiza.

Estes concursos pretenden facer participativa á cidadanía galega na reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se freen as ansias especulativas dos poderes privados sobre o territorio en conivencia coa administración pública, e na que se propoñan alternativas máis coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta en valor do noso patrimonio cultural.

“FOTOGRAFÍAS POLO TERRITORIO”

As fotografías deberan ter como obxecto mostrar os efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial. Tamén se poden enviar fotografías que amosen exemplos de posta en valor do territorio. Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes, que poderán ser enviadas á organización ecoloxista a través do e-mail: culturaeterritorio@adega.info.

Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos.

O prazo para presentar as fotografías remata o día 1 de Xuño do 2011.

“O LUGAR ONDE VIVO”

Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, etc. Cada participantes poderá presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega, que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo.

Para esta convocatoria tamén se establecen as categorías xuvenil e a adulto/a e o prazo límite de presentación das obras remata o día 1 de Xuño de 2011.

As bases dos concursos pódense descargar da web de ADEGA, www.adega.info.

Exit mobile version