Site icon Crónica3.com A Mariña

As actividades de Lugoteando no Miño e a Costa atraen a veciños do resto de Galicia

Nota de prensa:
As actividades de Lugoteando no Miño e a Costa atraen a veciños da Coruña, Ferrol, Santiago e Pontevedra

– Esta fin de semana arranca en Lugo o exitoso programa de ocio ecolóxico impulsado pola Deputación, no que os interesados poden reservar as últimas prazas chamando ós números de teléfono 982.12.00.64 ou 609.90.32.11

– A oferta inclúe wakeboard –a opción máis demandada, cun 90% das prazas xa cubertas-, paddle surf, bolas acuáticas, sea-scooter, xogos, rutas pola ribeira do río, kite surf, paseos en batuxo e circuítos en monopatín eléctrico

– Tamén volve a modalidade Ligoteando, con románticos paseos en catamarán e batuxo, combinados con música, maxia e degustacións de produtos autóctonos

O programa de actividades lúdico medioambientais Lugoteando organizado pola Deputación en colaboración co Concello lucense está tendo unha grande aceptación entre os veciños de toda provincia, pero tamén do resto de Galicia, pois recibíronse inscricións de persoas da Coruña, Santiago, Ferrol e Pontevedra. Este interese pon de manifesto o éxito da novidosa iniciativa de ocio ecolóxico, que nesta segunda edición, ademais de no río Miño, celebrarase na comarca da Mariña. Neste sentido, destaca que moitos veciños da cidade se están inscribindo nas actividades da Costa, pero tamén un gran número de mariñanos se anota para ir ás de Lugo.

Na capital lucense, as actividades arrancan esta fin de semana e continuarán os días 21, 22, 28 e 29 de maio e o 4 e 5 de xuño. Os interesados en participar poden reservas as últimas prazas chamando ós números de teléfono 982.12.00.64 ou 609.90.32.11. A práctica do wakeboard é a máis demandada, de feito o 90% das prazas xa están cubertas, polo que as persoas que desexen gozar desta combinación entre esquí acuático e snowboard na que hai manter o equilibrio sobre unha táboa deben anotarse canto antes.

A gran acollida do programa demostra que é posible o aproveitamento do río Miño e o seu entorno como una verdadeira oportunidade económica para a cidade, unha aposta que fan a Deputación e o Concello con Lugoteando, pero tamén coa posta en marcha do Plan Director do cauce fluvial, co traslado e ampliación da UNED no antigo hotel Miño, a nova ponte sobre o río, a construción da pasarela peonil xunto ó Club Fluvial ou as próximas expropiacións fronte a Arias Nadela para completar o Paseo do Miño.

A oferta programada está dirixida a toda familia e custa 5 euros por persoa para potenciar a participación. Nela mantéñense as propostas de maior aceptación do ano pasado: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf, e wakeboard.

A todas elas, incorpóranse novidades como a práctica de kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas; paseos en batuxo –antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.

Esta serie de propostas desenvolveranse en Lugo e tamén nas praias mariñanas. Na Costa terán lugar en xuño: os días 11 e 12 Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas no horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

Tres alternativas de Ligoteando

Por outra banda, o programa inclúe de novo a modalidade Ligoteando, que tamén arranca esta fin e semana. Ten como escenario o río Miño, pero esta vez oferta tres novas versións. As veladas comezarán ás 20:00 horas:

– Paseos Chill Out: travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel elaborado con produtos autóctonos da provincia. Días: Este venres, día 13; o 27 de maio e o 4 de xuño. Prezo: 15 euros.

– Noites Máxicas: paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos. Días: Este sábado, día 14; e o 21 de maio. 15 euros.

– Paseos Románticos en batuxo: experiencia de 30 minutos nun batuxo tradicional no que a parella gozará dun paseo polo Miño, conducida por un remeiro, e degustará un cóctel de produtos autóctonos. Días: 20 e 28 de maio. Prezo: 10 euros

O pago das cotas de inscrición poderase efectuar previamente na conta bancaria de Banesto: 0030-7060-30-0298064273 co concepto Lugoteando, ou antes de cada actividade. Pódese obter máis información en: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es ou chamando ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.

Exit mobile version