Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela presenta a XVII Copa de España de fútbol sala feminino

Nota de prensa:
BURELA PRESENTA A XVII COPA DE ESPAÑA

O salón de plenos do consistorio burelao acolleu esta mañá a presentación da XVII Copa de España de Fútbol Sala Feminino Burela 2011, que reunirá na vila mariñá os oito mellores equipos da División de Honra entre o 3 e o 5 de xuño, baixo a organización da Real Federación Española de Fútbol, a Federación Galega de Fútbol, o CD Burela FS e o Concello de Burela. O acto contou coa presenza do presidente e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares e Plácido Díaz Fernández; o alcalde de Burela, Alfredo Llano García; e a concelleira de Deportes, Neves Cando López; ademais do presidente do CD Burela FS, José Ramón González Casas, e o director xeral da entidade laranxa, José Luis Sáez Castro.

José García Liñares augurou un grande éxito para a cita de Burela 2011, na que “os equipos aínda teñen máis mérito se cabe que en edicións anteriores, posto que tiveron que traballar ao longo de toda a competición para a clasificación e non só na primeira volta”. O presidente da FGF tamén incidiu “no bo momento que está a atravesar o fútbol sala galego, ao ser o Burela FS o club organizador, tras celebrar o evento o Ponte Ourense o ano pasado”.

Dende o Concello, Alfredo Llano e Neves Cando manifestaron a honra que supón para Burela acoller a competición entre os mellores conxuntos de España. “A tradición do fútbol sala en Burela e a súa espectacular afección serán unha garantía para a afluencia de público, nunha fin de semana que tamén se suma o ambiente das festas patronais da vila” dixo o alcalde, que xunto á concelleira de Deportes, lle deu ánimos ao equipo laranxa e lle desexou sorte na loita polo título.

Pola súa banda, José Ramón González Casas transmitiu o orgullo de toda a familia laranxa por ser o anfitrión dunha cita de referencia nacional e quixo agradecer a colaboración de institucións e entidades, con especial mención á Xunta de Galicia, Fundación Deporte Galego, a Área de Deportes da Deputación de Lugo, os concellos de Foz e Cervo e Turgalicia. Así mesmo, José Luis Sáez adiantou o horario do conxunto laranxa, á espera do cadro final de enfrontamentos que realizará o Comité Nacional de Fútbol Sala da RFEF: “Como equipo anfitrión o Burela FS estrearase na Copa o venres, ás 21.00 horas, fronte ao Cajasur Córdoba”.

Tanto o presidente coma o director xeral da entidade laranxa animaron a afección para compartir co Burela FS Pescados Rubén “este inmellorable final de tempada polo que o cadro laranxa leva esforzándose moitos meses e ao que chega coa ilusión de estar arroupado pola súa vila e a calor de Vista Alegre”.

CALENDARIO DA XVII COPA DE ESPAÑA BURELA 2011

CUARTOS DE FINAL-Venres 3 de xuño
10.30 horas: Ponte Ourense SAD-Zaragoza 2002 FS (1º partido)
12.45 horas: CD Futsi Navalcarnero-FSF Rioja Diamante (3º partido)
18.30 horas: FSF Móstoles-FS Gironella (2º partido)
21.00 horas: Burela FS Pescados Rubén-Deportivo Córdoba FS (4º partido)

SEMIFINAIS-Sábado 4 de xuño
12.00 horas: Campión do 1º partido-Campión do 3º partido
16.30 horas: Clínic con José Venancio López, seleccionador de España

Localización: Aula de usos múltiples (IES Monte Castelo)
18.30 horas: Campión do 2º partido-Campión del 4º partido

Domingo 5 de xuño
18.30 horas: Campión da 1ª semifinal-Campión da 2ª semifinal

Exit mobile version