Nota de prensa
HOXE COMEZAN AS FESTAS PATRONAIS DE BURELA CUNHA EXPOSICIÓN DE FOTOS E CUN CONCERTO. O SÁBADO LEERÁSE O PREGÓN E O DOMINGO SERÁ O DÍA DO TRAXE GALEGO, QUE SE CELEBRA POR PRIMEIRA VEZ, SEGUNDO SUBLIÑABA HOXE NEVES CANDO.
Cando comentou que “hoxe arrincan as festas patronais de Burela 2011 e fano igual que ano pasado cando inaugurábamos unha exposición de fotografías sobre a historia de Burela, organizada pola asociación de veciños das Casas Baratas. O ano pasado fora unha exposición que recollía a historia deste barrio, pero diante do éxito que supuxo esa exposición este colectivo se viu casi obrigado a ampliar esta recollida de fotografías sobre a historia do noso pobo a máis barrios de Burela. E xa nos meses de abril e de maio se fixo unha exposición de parte desta nova tanda de fotos e agora nesta segunda parte se completa ese panorama fotográfico cunha exposición sobre fotografías dentro da historia de Burela. A exposición inaugúrase hoxe ás oito e media na sala de exposición da Casa da Cultura. E ás nove e media inauguramos estas festas cun concerto da Coral Polifónica de Burela e o coro de maiores do Conservatorio de Viveiro”.
A edil nacionalista seguiu a relatar que “para este primeiro fin de semana das nosas festas continuaremos mañá venres cunha festa de Cabo Verde, que había anos que non se celebraba e que agora o colectivo de caboverdianos decidiu retomar o tema e integralo no programa das festas. Esta cita será a partires das 20 horas na praza de abastos. E ás 21 horas teremos a misa en honra á Virxe do Carme e a baixada da imaxe desde a igrexa da Vila do Medio ata a parroquial. Xa o sábado é por así decilo o día oficial de arrinque das festas coa lectura do pregón ás 21:30 no auditorio da Casa da Cultura. Este ano a pregoneira é Emilia García López, unha licenciada en Xeografía e Historia e doutora en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, unha burelesa que xa participou con nós na comisión municipal para a creación do museo e do arquivo do Concello de Burela. É unha historiadora, autora de artigos e libros varios sobre a historia da política galega do século XIX e que desde setembro de 2004 traballa no Consello da Cultura Galega como responsable da área de Acción Exterior. Despois deste pregón ás 22 horas tamén na Casa da Cultura haberá o concerto do grupo folk Roi Casal e a continuación na praza da Mariña ás 23 horas terá lugar a primeira verbena que inaugura estas festas patronais de Burela”.
Neves Cando engadiu que “o domingo teremos unha novidade, porque decidimos instaurar o día do traxe galego. É a primeira edición e ás 12:30 horas haberá unha recepción na praza do Concello de todas as persoas que a nivel particular están convidadas a participar nesta cita e tamén as asociacións que se nos apuntaron para participar colectivamente neste día do traxe. Esta xornada rematará ás 18 horas cun desfile no auditorio da Casa da Cultura. E o domingo tamén é o día adicado aos nenos e ás nenas de Burela, desde ás catro e media ás oito da tarde haberá na praza do Concello unha festa infantil para todos eles. Estes son os actos programados para este primeiro fin de semana das festas patronais e despois retomaránse o vindeiro xoves coa que será a fin de semana grande de ditas festas”.