Site icon Crónica3.com A Mariña

Equipos de Burela, Friol e Chantada nas finais do deporte escolar Xogade que se disputa en San Cibrao

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS ASISTE NA MARIÑA ÁS FINAIS DO CAMPIONATO PROVINCIAL DE FÚTBOL SALA DO PROGRAMA DE DEPORTE ESCOLAR ‘XOGADE’

Catro equipos procedentes de Burela Friol e Chantada disputáronse hoxe en San Cibrao (Cervo) o cetro lucense da categoría infantil da competición organizada dentro do programa de deporte escolar
A Pontenova acolleu a fase final das categorías alevín e benxamín dunha modalidade que aglutinou durante toda a tempada a 1.991 deportistas, a participación máis numerosa do ‘Xogade’

San Cibrao (Cervo), 7 de maio de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asistiu hoxe na Mariña ás fases finais do campionato provincial de fútbol sala do programa de deporte escolar ‘Xogade’, promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte. Arias estivo presente en San Cibrao (Cervo), onde equipos de Burela, Friol e Chantada disputáronse hoxe o título na categoría infantil do campionato provincial na categoría infantil.

Arias, que estivo acompañada polo alcalde cervense, Alfonso Villares, foi encargada tamén de entregar os trofeos aos gañadores na categoría infantil, que se celebrou no pavillón A Veiga de San Cibrao. Ao mesmo, A Pontenova acolleu aos equipos finalistas nas categorías alevín e benxamín.

En total, 1.991 escolares nas tres categorías e procedentes de practicamente toda a provincia iniciaron hai case cinco meses a competición nesta modalidade, a máis concorrida das 22 disciplinas deportivas que configuran o programa Xogade. En concreto, ao longo da competición participaron 712 escolares en categoría benxamín, 758 en alevín e 524 en infantil.

Á fase final do campionato infantil chegaron os equipos de Friol, Chantada e dous de Burela (Fútbol Sala Burela A e B). No campionato alevín competiron polo título: EDM Lourenzá, Azkar Prone, Lumieira -de Lugo- e Superti de A Pontenova. Por último, en benxamín enfrentáronse: EDM Lourenzá, Azkar Prone, o Praia de Covas de Viveiro e Franciscanos de Lugo.

O programa Xogade mobiliza a máis de 8.000 nenos e nenas na provincia. No presente curso escolar o número de participantes incrementouse nun 20% con respecto ao do ano pasado.

En consonancia co crecente interese que esperta entre colexios e entidades deportivas, a Xunta de Galicia reforzou esta iniciativa con novas modalidades -como o béisbol e o sofbol- e sobre todo co incremento da oferta lúdica, dos xogos.

Os campionatos celébranse coincidindo co curso escolar, de xeito que nestas semanas sucédense as finais provinciais das que sairán os contendentes da final galega.

Na provincia xa se celebraron as finais de atletismo, bádminton, baloncesto, campo a través, duatlón, loita olímpica, orientación, voleibol e xadrez, entre outros, e esta fin de semana teñen lugar tamén as finais de patinaxe artística no pavillón municipal de Xove. Na disciplina de patinaxe artística participarán a partir das 12.30 horas de mañá un total de 76 escolares, correspondentes a EDM Chantada e ACD Xove.

Exit mobile version