Site icon Crónica3.com A Mariña

O 17 de maio abrirase no CENIMA a exposición “A Escola Náutico Pesqueira de Foz”

Nota de prensa:

Desde o Arquivo Municipal queremos convidarvos á inauguración da exposición “A Escola Náutico Pesqueira de Foz”, que terá lugar no CENIMA o vindeiro 17 de maio ás 19:00 h. A mostra estará aberta ó público dende o 17 de maio ó 2 de xullo.

Esta iniciativa naceu cun dobre propósito, por un lado quixemos facer unha lembranza da Escola Náutica, unha institución que determinou o futuro profesional dunha xeración de focenses e de mariñanos que desenvolveron a súa vida profesional no mundo do mar. Polo outro, tamén pretendemos dignificar e poñer de relevancia a importancia dos arquivos como referentes e custodios da historia e da memoria colectiva dun pobo. Un arquivo non é somentes un almacén de documentos, senón que constitúe a ferramenta indispensable para converter un feixe de lembranzas nunha investigación histórica de calidade, e que pode callar en proxectos coma este, necesarios para non esquecer o fomos e entender o que somos.

A Escola Náutico Pesqueira de Foz naceu no ano 1967, dunha iniciativa encabezada polo daquela Alcalde, José María Beltrán Veiga. Formaba parte dun reducido grupo de dez centros de formación oficial pesqueira de España, no que se incluían as escolas de Madrid, Huelva, Sanlúcar de Barrameda, Valencia, Almería, Cádiz, Vigo, Ferrol e Vilagarcía de Arousa. A escola instalouse a carón do antigo Clube Náutico, no lugar que hoxe ocupa o CENIMA, e durante os dez anos (1967 – 1977) que durou a súa actividade, nas súas aulas impartíronse cursos para acadar os títulos de competencia mariñeira, patrón de pesca litoral de 2ª clase, motorista naval, radiotelefonista naval restrinxido, redeiro e texedor de redes, cortador-recolector de algas industriais ou de cultivador de marisco en parque e praia.

Quixemos aproveitar dúas datas conmemorativas a nivel internacional para abrir a nosa exposición ó público: o 18 de maio, Día Internacional dos Museos, este ano adicado á memoria, e o 21 de maio, Día Marítimo Europeo. Ámbalas dúas definen con exactitude a intencionalidade do noso traballo: rehabilitar, preservar e difundir o patrimonio marítimo pesqueiro que define a identidade do noso pobo, a través da recuperación de obxectos do pasado pero, denantes de todo, a partir das lembranzas das súas xentes. Por iso, queremos agradecer especialmente a total implicación de tódalas persoas que nos axudaron desde o momento en que souberon o proxecto que tiñamos entre mans. A todos, moitísimas grazas.

Tanto o plantexamento do proxecto, como a investigación e o deseño da exposición, foron realizados por Susana Díaz García, arquiveira do concello de Foz, e Silvia Fiallega Lorenzo, historiadora.

Exit mobile version