Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que a posta en marcha do centro residencial de día en Foz permitira crear un mínimo de 100 empregos

Nota de prensa

A posta en marcha do centro residencial de día en Foz permitira crear un mínimo de 100 empregos.

Basanta afirma que só o BNG explica como vai crear emprego.

O Bloque Nacionalista Galego adiantou que a creación de emprego e o eixe central da súa proposta programática e o elemento transversal a súa proposta para os vindeiros comicios, no convencemento de que só nesta variábel é posíbel favorecer o desenvolvemento local e por conseguinte garantir unha mellora na calidade de vida.

“Igual que nos non apoiamos os planos de axuste do goberno e da xunta que ao único que contribuíron foi a xerar máis desemprego, nin tampouco avalamos unha reforma laboral que acentuou aínda máis esa tendencia e precarizou as condicións de vida das persoas, diminuíndo polo tanto o seu poder adquisitivo” afirmou Basanta “tampouco podemos dar por bo o modelo do Concello de Foz que se limita a crear emprego en precario e temporal”. “E máis sabemos e pensamos que os Concellos deben xogar un papel central na posta en marcha en políticas activas de emprego” recalcou o candidato nacionalista.

Xoán Carlos Basanta felicitouse de que “todas as forzas políticas na súa proposta programática falan de crear emprego, algunhas mesmamente lle poñen cifra a esta cuestión, pero ningunha delas agás o BNG lle di aos veciños de Foz como e onde pretenden crealo. Neste sentido cando demandamos a creación dun centro residencial de día para 150 residentes, non só estamos poñendo unha solución para os maiores do noso Concello senón que estamos tamén falando de crear arredor de 100 empregos directos. Non estamos inventando nada extraordinario con esta proposta, a economía do benestar é un eixo para crear emprego nas sociedades modernas, abonda con ir a Viveiro para observar o importante número de empregos que creou a posta en funcionamento da Residencia da Terceira Idade. Xa que logo no caso de que a Xunta de Galiza persista na súa negativa a dotar a Foz desta infraestructura, defendemos que o Concello a acometa con fundos propios. No mesmo sentido solicitamos a ampliación de prazas na Escola Infantil do Bahía, porque hai demanda de nenos, é porque isto tamén significará a creación de emprego. Na mesma liña pensamos que se deben reforzar os servicios de axuda a domicilio, tendendo a súa universalización,recuperando o seu caracter público suprimindo a exclusión da mesma por razóns de renda o que permitiría crear arredor de outros 30 empregos tamén vinculados a economía do benestar”.

Os nacionalistas afirmaron que “o emprego é unha cousa o suficientemente seria para que non se xogue con ela electoralmente. Neste sentido cando o PP se nega a que Foz conte cunha residencia non só está deixando na estacada a un número importante de maiores do noso Concello senón que se está opoñendo a creación de 100 empregos. Mesmamente non é de recibo que o Concello de Foz que gastou entre 2007 e 2010 4.969.402.93 Euros de remanente de tesourería, diñeiro que tiña en caixa, sen explicar en que ou polo menos sen notarse, non procedese a executar con fondos propios esta infraestructura. Vaia como exemplo que a residencia de Viveiro custou arredor de 2,2 millóns de Euros, só coa metade que despilfarrou o Grupo de Goberno dirixido por Rivera e por Cancio contaríamos con esta dotación e cos postos de traballo que están vinculados á mesma. Aqueles que nos Gobernaron durante tantos anos e que non foron capaces xa non de crear emprego senón de sacar adiante o Plano de Emprego tantas veces prometido , carecen de lexitimidade para facer propostas neste eido”.

Xa por último Basanta quen afirmou que “nos atopamos nunha situación de emerxencia en materia de emprego, cun panorama chamado a empeorar, onde a iniciativa privada vai ser incapaz en anos de crear traballo polo que son necesarias políticas activas por parte do sector público”, lembrou tamén a proposta dos nacionalistas da Mariña” da creación dun Instituto de Crédito Comarcal que forneza liquidez a autónomos e pemes basicamente para tesourería. Agora ben se os asalariado seguen a perder poder adquisitivo o consumo non lle queda outra que seguir caendo e iso tornase letal para os comercios e negocios do Concello”.

Exit mobile version