Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz impulsará a promoción de San Martiño facéndoa un referente cultural e turístico

Nota de prensa
O BNG DE FOZ ABRIRÁ O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO ROMÁNICO EN SAN MARTIÑO

Basanta afirma que “San Martiño será un referente cultural e turístico da Mariña”

Foz a 16 de maio de 2011.- O BNG de Foz na charla que tivo lugar en San Martiño cos veciños asegurou que desde o goberno municipal impulsárase a promoción desta parroquia facéndoa un referente cultural e turístico sen precedentes.

A primeira actuación que o BNG fará, segundo palabras do seu candidato á alcaldía, Xan Carlos González Basanta, será poñer en marcha o Centro de Interpretación do Románico, un proxecto rematado cando estaba no goberno da Xunta o BNG e que actualmente está paralizado pola actual Xunta do PP. Naquela rehabilitación da Casa Rectoral a Xunta investira máis de 300.000 euros deixándoa preparada para abrir. O Centro de Interpretación levaría varias salas de exposicións, unha sala de proxeccións, servizos e un pequeno museo.

Segundo Basanta “é incomprensible que o PP desde a Xunta estea paralizando os proxectos máis interesantes para o noso concello como é o caso do Centro de Interpretación do Románico que significaría un avance na revitalización de San Martiño. Terá que ser novamente o BNG desde o Concello de Foz quen lle dea para diante a este proxecto”.

O candidato por San Martiño, o médico Iago Villamil, tamén deixou claro que “San Martiño debe seguir a senda de outros moitos centros históricos e culturais, atraendo non só visitantes e turistas senón a persoas que vexan a San Martiño un lugar cómodo e agradable para vivir, potenciando deste modo o mundo rural”.

Exit mobile version