NOTA DE PRENSA DO BNG
O BNG de Viveiro, presenta esta tarde o programa xuvenil para as vindeiras Eleccións Municipais, a partir das 19 horas no Conservatorio de música de Viveiro.
O Candidato a Alcaldía Bernardo Fraga, expoñerá as liñas básicas do programa do BNG para a mocidade, que ten en primeiro lugar, e como prioridade a participación das mozas e mozos na vida municipal, a través da creación do Consello da Mocidade, consello, no que estarán representadas todas as asociacións, colectivos e forzas políticas do Concello con representación xuvenil, e que será o órgano de representación e decisión da política municipal en materia de mocidade.
Bernardo Fraga declarou “Para nós a política xuvenil é prioritaria na nosa acción de goberno, cremos na partipación da mocidade nas decisións da política municipal, así como a atención constante ás mozas e mozos a través da Concellería de Mocidade”.
“O BNG creará un plan de promoción do asociacionismo xuvenil, que axude ás mozas e mozos a crear novos colectivos, que participen na vida social do Concello, co apoio constante por parte do noso Goberno Municipal”
“Un goberno municipal serio, debe apoiar, fomentar e promocionar as manifestacións artísticas das mozas e mozos de Viveiro, impulsaremos a creación de novas bandas de música e melloraremos as instalacións do local de ensaio”
“Darémoslle un impulso ao traballo da Oficina Municipal de Información Xuvenil. O BNG realizará campañas de prevención de enfermidades de transmisión sexual, así como a creación dun Plan Municipal Integral de Prevención da Drogadicción”
“Os nosos estudantes deben ter unha atención especial, o BNG impulsará a creación de aulas de estudo con apertura en horario nocturno para os estudantes. Ademais, impulsaremos a posta en marcha de autobuses directos ás cidades universitarias, para rematar por fin, cos viaxes que teñen que soportar as mozas e mozos, de máis de tres horas, e con malas conexións e horarios.”