Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG homenaxea os represialiados do franquismo na praza de Foz

Nota de prensa:
Homes mulleres que hoxe representades aquí as familias dos represaliados do franquismo:

Conveciños e conveciñas deste Concello que seguides fieis e compartides os ideais democráticos das persoas que hoxe homenaxeamos:

Amigas e amigos

Quixemos, outra vez máis, nesta nosa Praza de Foz, praza que ten tanto simbolismo daquel Foz en branco e negro do franquismo, onde os demócratas e as xentes de ben foron obrigados tantas veces a cantar o “cara al sol” en calzóns volver a homenaxear aos homes e mulleres da nosa epopella democrática. Quixemos a máis facelo nunha data o Primeiro de Maio, que naquel Foz da República e tamén da I restauración Borbónica era festa maior, o día no que a xente do común saía da súa casa con garabata para manifestarse. Si o primeiro de maio, o Día do Internacionalismo Proletario, a xornada de loita por excelencia da clase traballadora do mundo, unha clase traballadora que está a ver como día si e día tamén os seus dereitos sociais e laborais, a comezar polo emprego, desaparecen e son víctimas de recorte, unha clase traballadora que se quere seguir existindo a día de hoxe terá que recuperar o espírito e o sentido de loita daqueles que o antecederon, polas rúas de Foz, naqueles días de República e conciencia de clase. E ademais quixemos facelo coincidindo cun primeiro de Maio que se atopa nas vésperas do 75 aniversario do alzamento militar franquista que puxo remate a un período cheo de esperanzas e progreso social para o noso Concello e deu inicio a un calvario para moitos conveciños nosos que loitaran por unha sociedade máis xusta e democrática, uns veciños cos que a día de hoxe nos consideramos en débeda, débeda que ten a súa orixe nunha transición pactada e escrita as agochadas e que non lles restitúo en vida o dano que lle tiñan causado, débeda que continúa con esa política de silencio que pretende agochar e negar todo ese período histórico, a día de hoxe estamos agardando que o Concello de Foz nomee unha das súas rúas como “Rúa da II República cuestión xa acordada pola Corporación fai seis anos, débeda ao fin e ao cabo porque os que hoxe estamos aquí, os que hoxe convocamos este acto non pretendemos máis que dar continuidade a ese Foz de progreso, co corazón e a cabeza a esquerda polo que loitaron e sufriron.

Que ninguén se equivoque porque hoxe non estamos aquí para falar de pasado, estamos aquí para falar de futuro, porque a II República en Foz, non foi máis que iso. Como senón podemos denominar a un momento histórico que significou en Foz a apertura de novas escolas e comedores infantís, a implantación da xornada laboral de 8 horas, o xurdimento dos primeiros clubs deportivos e sociedades culturais, a realización de importantes obras públicas pero sobre todo un novo réxime no que os focegos do común se converteron en donos do seu destino?. E claro que non é pasado porque é un espello onde debemos mirarnos, cando os dereitos laborais desaparecen, cando en nome da austeridade se destrúe emprego que mellor exemplo que o daquelas mulleres focegas traballadoras da conserva que no ano 1933 tras tres meses de Folga impuxeron a xornada laboral de oito horas que aquela patronal se negaba a aplicar na práctica. Que mellor exemplo o daquel goberno da Frente Popular que diante dunha vaga de paro, pensade que a II República se desenvolveu no marco da crise do 29, iniciou un ambicioso proceso de obras públicas a empezar pola Rúa dos Limoeiros, ou a construcción de fontes en case todas as parroquias, ou a construcción do espigón da Rapadoira que ocupou e deu traballo a centos de focegos, sen mirar a pelaxe política dos contratados. Que mellor exemplo, ao fin que o daqueles homes e mulleres, que se converteron en donos dos seus destinos, e exerceron de demócratas na diversidade, uns comunistas, outros socialistas, anarquistas, republicanos de esquerda e nacionalistas, que fronte a resignación, o medo ou a miseria, organizaron sindicatos e folgas, participaron no público, loitaron contra a resignación, pelexaron sen descanso como hoxe fan os nosos homes e mulleres da comisión das urxencias,combateron a idea de que “todos eran iguais” e déronlle sentido e contido ao concepto de cidadanía naquel Foz de fai 75 anos.

Hoxe estamos de novo nesta Praza, a Praza para todos os de Foz, con Andrés García Ferreiro “dos de Dona Celia”,fusilado en Coruña en 1937 xunto ao seu protector e amigo Pepe Miñones, con María do Carme Pérez e Garcia, de Vigo, mestra en Tapia e unha daquelas dúas santas que apareceu morta sen peitos e violada na Areoura, con Ramiro de Poza, socialista de pelegrinaxe nos campos de concentración franquista, con Amalito, membro do V Regimiento, detido entre 1939 e 1941, que asentou nesta casa do lado durante tantos nos, con Pepe Mel, medico de pobres e primeiro Alcalde da República, con Paco de Santa Cilla,Alcalde do Frente Popular, co O Petrulo de Nois, fundador daquela escola laica e que xace en terra civil naquel anaco de cementerio hoxe desaparecido, cos dous Pepes Paz, Presidentes un e outro da Agrupación Socialista, con Ramoncito Couto, tantos anos correspondente na Mariña da “Radio Pirenaica”,con Manolo“O Bernizador”, o Lenin de Foz que dicía a reacción e que remataría no exilio en Brasil tras a caída da IV Agrupación, con Ramón do Zapateiro, aquel vello republicano radical, con Antonio de Eusebia, eterno secretario da sociedade, con Benigno da Calzona, concelleiro frentepopulista, con Francisco do Taller, o secretario de Izquierda Republicana, co O Rosino, e Casanova de Río e ramón do Montañés de Vilaronte, e Pablo Díaz de Cangas E está tamén con nos Gómez de Santa Cilla,o Largo Caballero de Foz, que dicía a dereita, e Don Ramón da Botica, e Ramón e Rosendo Campo, e Leonardo Uría,e Manuel Campo, e Amando Pardiñas, e O Xuez, que certificou diante da xutiza que era axitador de masas, porque era panadeiro, e Máximo Causo, o Presidente da Confraría de Pescadores. E están tamén a lexión de carteiros suspendidos de emprego e apartados da profesión por negarse a participar dos pucheirazos eleitorais, xa daquela o voto por correo non era cousa segura, o Valentín Eijo, de Fazouro, o Xosé Fernández de Santa Cilla, o Benito Tarrón de San Acisclo Ou os mestres como Alfredo López, mestre de Ribela, ou Golmar, de Santa Cilia. E os que se negaron a combater no exercito franquista e desertaron, para pasar a bando leal, como Xosé Canoura,ou Xosé María Sánchez Blanco, ou Antonio Ortíz, detido en Xixón, ou Antonio Neira “Bambolia”, comisario de Guerra no fronte asturiano.

Estes son os nomes, os nomes sobre os que teremos que escribir unha outra historia para o noso Concello. Persoas coa cabeza e co corazón a esquerda con todo o que isto implicaba e segue a implicar, nunca cambiaron a chaqueta e entregáronse á loita por unha sociedade de iguais e de persoa comprometida coas clases populares. Non fixeron concesións á comodidade que lle reportaba a súa condición social, e viviron conforme ao que lle dictaba a súa conciencia, os seus ideais, cando por ideais se morría. O seu compromiso era cos humildes, coas maiorías sociais e nunca se hipotecaron ou pregaron as demandas dos poderosos. Viviron e loitaron para as maiorías sociais, non só organizaron sindicatos, non só sementaron ideais de xustiza, tamén gobernaron, consciente de que a acción de goberno é un exerzizo de aposta polo poder dunha clase sobre outra, sabedores de que a xestión pública de primar o interese xeral sobre o particular. Si, definitivamente naquel Foz que gobernaron era o povo quen máis ordenaba.

E por iso que como afirmabamos ao inicio, alén de renderlle tributo a estes homes que merecen os nosos amores e aos que nos negamos a poñerlle os cornos, polo que aquí sellamos a nosa fidelidade con eles, digo hoxe estamos a falar de futuro, porque son semente e vieiro.

Si Foz, xa é terra sementada e traballada, lista para a ceifa e a colleita. Unha colleita que debe recoller a obra que nos antecederon, unha obra que pretendía criar un centro de segunda ensinanza no inmóbel hoxe ocupa o Colexio Martínez Otero, cando asistimos ao desmantelamento do ensino público no noso Concello, un Hospital en colaboración coa Sociedade de Socorros Mutuos nas dependencias do Asilo, nuns tempos que por non ter non temos en Foz urxencias médicas, e un ambicioso proxecto de vivendas sociais co nome de “Pueblo Nuevo” onde hoxe se asentan as Casas Baratas,tamén,cando a vivenda segue a ser un luxo para a maioría dos peto dos focegos. Apostaron polas políticas sociais, pero non só senón que abriron viais como a Rúa dos Limoeiros,¿cantas rúas se abriron en Foz nos últimos anos?, construíu fontes como a do Chao en Santa Cilla, ¿que pasa hoxe co auga de Foz e coa rede de alcantarillado regalada a un empresa para o seu negocio e ruína dos focegos? e sobre todo puxeron en marcha un programa de emprego, esa ten que ter ser a aposta hoxe de calquera goberno local, para recolocar na execución das obras locais a moitos dos traballadores desempregados polo paron das obras do ferrocarril da Costa.

Si os focegos de ben temos hoxe un vieiro por onde transitar. Un vieiro que prime o valor da honestidade no exercicio da cousa pública, que poña en primeiro plano a victoria do ideal fronte ao ideal da victoria, que valorice a política como servicio aos máis fronte a política como un camiño para servirse un, que defenda a lealdade aos principios fronte a uns principios que só animen a ser leal a un, que recalque a importancia de ser fieis a un proxecto de benestar para o colectivo, fronte a utilización dun colectivo para beneficiarse uns mesmos. E así o afirmamos, hoxe, neste primeiro de maio de 2011, acreditándonos como feudatarios, deste patrimonio de dignidade, de coherencia e de entrega desinteresada. Vivimos tempos convulsos, de confusión pero tamén de cambios, que o exemplo de que o nos precederon na loita orienten estes cambios nunha dirección de progreso. Fagamos xa posíbel o Foz mellor polo que loitaron e sufriron os que hoxe homenaxeamos.

Moitas grazas.

Exit mobile version