Site icon Crónica3.com A Mariña

O candidato do BNG de Xove percorre todos os domicilios do concello

Nota de prensa

Os nacionalistas de Xove falan en Lago e Morás sobre a contaminación e os espazos naturais

Dentro das xornadas dedicadas a percorrer todos e cada un dos domicilios do concello, Marco López visitou hoxe as parroquias de Lago e Morás para explicarlles polo miúdo aos veciños as políticas que, no caso de gobernar, poñerán en marcha no terreo da contaminación, o tratamento de residuos e os espazos naturais a partir do vindeiro 22 de maio.

O Bloque xovense comprometeuse a dignificar os espazos naturais e de lecer durante todo o ano, comezando a limpeza das praias no mes de abril e rematando en outubro. Tamén amosaron a súa intención de negociar con Alcoa a retirada dos dolos e o acondicionamento estético da zona Lago-Morás; así como promover unha negociación seria entre os veciños, o Concello e a fábrica que dea unha saída digna ao conflito da contaminación.

O candidato do Bloque á alcaldía asegurou que as propostas que o BNG de Xove leva realizando por todas as parroquias demostra que “levamos moito tempo traballando como unha forza con vocación de goberno, estudando a diario as medidas políticas que se poden levar a cabo para conseguir unha solución aos problemas reais do municipio”.

Exit mobile version