Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo ofertará 34 postos de traballo dun plan de cooperación

Nota de prensa

A maiores dos 12 empregados que xa prestan os seus servizos no GRUMIR

CERVO CONTRATARÁ 34 TRABALLADORES A TRAVÉS DO PLAN DE COOPERACIÓN FINANCIADO POLA XUNTA DE GALICIA

O Goberno municipal prevé que a primeiros de xuño todo este novo persoal xa estea prestando os seus servizos.

Cervo, 12 de maio de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, vén de informar que o Concello de Cervo procederá á contratación de 34 traballadores municipais a través do Plan de Cooperación financiado pola Xunta de Galicia. As devanditas contratacións terán lugar a maiores das xa efectuadas para a selección dos 12 empregados do GRUMIR que xa, neste momento, están a prestar os seus servizos no Concello.

En Cervo o Plan de Cooperación da Xunta permitirá contratar novo persoal para a realización de servizos de interese social no termo municipal. Entre os 34 postos de traballo ofertados terá lugar a selección dos 10 empregados para labores de salvamento e socorrismo e 10 traballadores máis para limpezas de praias. Respecto dos requisitos de cada unha destas prazas darán conta na Oficina de Emprego Municipal.

O Goberno municipal prevé que a primeiros de xuño poda estar traballando este novo persoal municipal financiado ao abeiro de Plan de Cooperación, polo que xa neste momento comezaron os trámites previos de contratación. Nos vindeiros días publicaranse as bases que rexerán a convocatoria que estarán nas dependencias municipais a disposición dos interesados.

Aquelas persoas que desexen recibir máis información sobre o proceso de selección poden acudir ao Concello de Cervo. Xa adiantan que como condición imprescindible, os participantes deberán estar inscritos na Oficina de Emprego (antigo INEM), pois será esta a encargada de elaborar o primeiro listado dos traballadores participantes.

O alcalde expresou a súa satisfacción por estas axudas e valorou moi positivamente os esforzos desenvolvidos por Xunta e administración local para o fomento da contratación pública. Salientou tamén que será o propio Concello de Cervo quen efectúe de xeito directo a contratación deste persoal conforme aos criterios de mérito e capacidade que rexen todo o proceso de selección público.

Exit mobile version