Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo renova o alumeado en dúas rúas de San Cibrao

Nota de prensa

O CONCELLO RENOVA O ALUMADO PÚBLICO DAS RÚAS ASTURIAS E CONCEPCIÓN ARENAL CON TECNOLOXÍA DE AFORRO ENERXÉTICO

As obras teñen un orzamento de 51.412 euros e consisten na renovación de 19 luminarias, 10 columnas e 8 brazos de fachada

O Concello vese na necesidade de afrontar este tipo de actuacións debido á continua subida das tarifas enerxéticas que está a facer o Goberno do Estado

Cervo, 7 de abril de 2010.- No día de hoxe deron comezo os traballos de mellora e modernización dos alumados públicos nas rúas Concepción Arenal e Asturias de San Ciprián.

Esta actuación nace a raíz dun convenio subscrito hai un mes entre o Concello de Cervo e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dependente da Consellería de Industria da Xunta de Galicia e o seu obxectivo principal é a substitución das actuais luminarias por unhas novas de tecnoloxía led de aforro enerxético. “Vimos a necesidade de cambiar a iluminación nestas dúas rúas porque se trataba de instalacións xa bastante antigas que presentaban altas cifras de consumo” recoñeceu o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quen indicou que as obras que se están realizando consisten na substitución das luminarias existentes por outras novas de tecnoloxía led. “En concreto vanse substituír 19 luminarias e tamén aproveitaremos para repoñer 10 columnas galvanizadas e oito brazos que van colocados nas distintas fachadas dos edificios destas rúas” sinalou o alcalde.

Villares indicou tamén que o orzamento deste proxecto é de 51.412,94 euros e recoñeceu que o Concello se está a ver na necesidade de afrontar este tipo de actuacións de aforro enerxético debido ”á continua subida das tarifas que está a facer o Goberno do Estado” sinalou. “Por iso -continuou- temos que afondar nestas políticas de investimento á hora de buscar a maior eficiencia e o maior aforro enerxético en todas as nosas instalacións eléctricas municipais”.

Exit mobile version