Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo e Paisajes de Asturias investirán 90.000 euros para apuntalar a Torre dos Morenos

Nota de prensa:
O CONCELLO E PAISAJES DE ASTURIAS INVESTIRÁN 90.000 EUROS EN APUNTALAR E MELLORAR A PARTE TRASEIRA DA TORRE DOS MORENO, XA QUE SE ATOPA MOI DETERIORADA. A MEDIDA FOI VALIDADA POLA XUNTA DE GOBERNO E CONTA CO VISTO BÓ DA COMISIÓN DE PATRIMONIO.

Ribadeo, 13 de maio de 2011. O Concello e a empresa Paisajes de Asturias investirán 90.000 euros en apuntalar e mellorar a parte traseira da Torre dos Moreno, xa que se atopa moi deteriorada. A medida foi validada pola xunta de goberno e conta co vistó bó da Comisión de Patrimonio, segundo deu a coñecer esta mañá o rexedor.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, manifestou que “si ben hai dous meses o Concello e a empresa que adquiriu o 60% da propiedade, Paisajes de Asturias, acometemos unha actuación de urxencia e de apuntalamento na fachada principal da Torre dos Moreno agora damos unha novo paso. Tendo en conta que na porcentaxe de participación na propiedade esa empresa ten o 60% e o Concello o 21% e que sumamos un 81%, decidimos continuar atendendo aos informes técnicos tanto de Intemac, como do arquitecto Ernesto Cruzado, como dos arquitectos municipais que nos din que debemos seguir traballando de maneira urxente para preservar a integridade do inmoble a tenor do risco de derrubamento”.

O rexedor dixo que “aínda que hai pouco tempo que fixemos unha actuación moi importante na parte dianteira da Torre dos Moreno, seguen os problemas, a parte traseira presenta un grave perigo de esgotamento da capacidade portante das columnas. Ao manterse a urxencia da execución desta obra acordamos asinar un novo convenio, que validou hai uns días a xunta de goberno da que formamos parte o BNG, o PSOE e o PP. Ademáis o proxecto redactado por Ernesto Cruzado conta co visto e plácet da Comisión de Patrimonio da Xunta”. Suárez Barcia seguiu a relatar que “imos executar un convenio para a substitución de columnas e vigas que se atopan nun estado moi deteriorado e ao mesmo tempo imos proceder ao apuntalmento da parte posterior do edificio. É un proxecto duns 90.000 euros, Paisajes de Asturias aporta 65.000 euros e o Concello 24.500 euros. Nas partes proporcionais tanto a empresa coma a Concello están a asumir unha porcentaxe en mans de particulares, pero a tenor da situación extrema do edificio e como somos maioritarios queremos actuar a fin de evitar un colapso do inmoble”.

Fernando Suárez asegurou que “esta actuación enmárcase dentro da necesidade de preservar a seguridade pública, agora iniciase o proceso de contratación da empresa que terá que executar esto nas próximas semanas ou nos próximos días. Unha vez que o edificio estea estabilizado con máis calma a nova Corporación, dado que a esta lle quedan moi poucos días, deberá decidir o futuro para a Torre dos Moreno”. O alcalde agarda que “sexa sempre seguindo os principios de maior utilidade pública e de menor custe para o erario municipal”.

Exit mobile version