Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha lancha de vela latina na que navegou Calvo-Sotelo decora a rotonda do Xardín en Ribadeo

Nota de prensa:
O CONCELLO INSTALOU NA ROTONDA DO XARDÍN UNHA LANCHA DE VELA LATINA DE NOME JUANIN NA QUE NAVEGOU MOITAS VECES POLA RÍA DE RIBADEO O EX PRESIDENTE DO GOBERNO LEOPOLDO CALVO-SOTELO.

Ribadeo, 11 de maio de 2011. O Concello instalou na rotonda do Xardín unha lancha de vela latina de nome Juanín na que navegou moitas veces pola ría de Ribadeo o ex presidente do Goberno Leopoldo Calvo-Sotelo. O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “é un pequeno tributo a unha persoa que sempre tivo un vinculación especial con esta vila”.

O rexedor dixo que “as obras da travesía están quedando moi ben, todo o mundo as valora positivamente. A rotonda supuxo unha mellora de seguridade nesa zona e permite empatar todas estas rúas e avenidas que confluían nun galimatías de cedas ao paso e de stops, que agora afortunadamente están resoltos”.

Suárez Barcia explicou que “aínda que o principal está feito quedan detalles de xardinería pendentes, detalles de remate para ver isto absolutamente diferente e bonito. E un destes detalles que estamos procedendo a instalar nestes días é unha lancha de vela latina da ría de Ribadeo, que é unha doazón, unha cesión de Ricardo López Maseda. Ten algo entrañable porque foi a embarcación na que tantas e tantas veces navegou o que fora presidente do Goberno do Estado, Leopoldo Calvo-Sotelo. É unha lancha de madeira de principios do século XX que se chama o Juanín, foi cedida e despois restaurada pola brigada municipal de Obras e agora nestes días estamos instalándoa, quedan pendentes algunhas cuestións coma a verga, o mástil, unha vela, etc… queremos que sexa o mascarón de proa da entrada a Ribadeo, vai locir moi ben nesa rotonda”.

O alcalde subliñou que “é un pequeno tributo desde o Concello a unha persoa que sempre tivo unha vinculación especial con Ribadeo, foi alcalde honorario, fillo predilecto desta vila na que hai máis dun ano Ribadeo lle rendiu homenaxe, pero agora queríamos colocar esta embarcación tan simbólica nunha rotonda moi simbólica e moi útil para Ribadeo”.

Exit mobile version