Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello puxo a disposición dos veciños da Senra o local social construído pola escola taller

Nota de prensa

O CONCELLO PUXO A DISPOSICIÓN DOS VECIÑOS DA SENRA O LOCAL SOCIAL CONSTRUÍDO NESTE BURGO POLOS ALUMNOS DO OBRADOIRO DE EMPREGO “TERRAS DE AZUL COBALTO”

O novo local estará destinado á organización de eventos e reunións dos veciños

As obras contaron cun orzamento de 37.264 euros financiados polo Concello

Cervo, 6 de novembro de 2010.- Onte pola tarde o Concello puxo onte a disposición dos veciños da Senra o Local Social construído polos alumnos do módulo de albanelería do Obradoiro de Emprego “Terras de Azul Cobalto”.

As obras comezaron en novembro do pasado ano e contaron cun orzamento de 37.264 euros financiados polo Concello de Cervo e a Xunta de Galicia. O novo local estará destinado á organización de eventos e reunións dos veciños deste burgo e tamén para a celebración de actos públicos. Ten unha superficie total de 75 metros cadrados e conta con accesos habilitados para minusválidos.

Durante a posta en funcionamento desta nova infraestrutura municipal o rexedor local, Alfonso Villares, sinalou que a materialización deste Centro Social fora un compromiso adquirido por el mesmo e polos seus compañeiros do Goberno local cos habitantes deste núcleo de poboación e salientou o feito de que dita obra fora realizada a través do Obradoiro de Emprego. “Deste xeito -indicou- ademais de formar e reinsertar no mercado de traballo aos alumnos que participan nel, tamén poñemos en pé unha infraestrutura pública que redundará en beneficio do conxunto dos cervenses e máis concretamente nos habitantes deste burgo” indicou Villares.

Obradoiro

O Obradoiro de Emprego “Terras de Azul Cobalto” comezou a funcionar o en xullo do pasado ano. Nel participan un total de 27 alumnos distribuídos en tres módulos formativos: Albanelería, Medio Ambiente/Xardinería e Atención Socio-Sanitaria. Conta cun orzamento de 651.741 euros financiados pola Consellería de Traballo. O seu obxectivo é preparar aos alumnos para que poidan incorporarse de forma estable ao mercado laboral una vez remate o ano da súa duración.

Exit mobile version