Nota de prensa
CASTIÑEIRA PROPÓN EN CORDIDO E SAN ACISCLO A CREACIÓN DUNHA BRIGADA DE MANTEMENTO DO RURAL EXCLUSIVA PARA AS PARROQUIAS FOCEGAS
O candidato do Partido Popular comezou a campaña o domingo en Cordido e continuará hoxe en Santo Acisclo presentando un plan de traballo que garanta a igualdade entre todos os veciños
Con unha grande asistencia de veciños, o PP decidiu iniciar a campaña nas parroquias de Cordido, o domingo, e Santo Acisclo, esta mesma tarde, en dúas das nove parroquias máis abandonadas polo goberno de Rivera, onde só a uns días das eleccións están tratando de facer as obras de maquillaxe política, tarde, mal e á presa, que non fixeron nos últimos catro anos, co único pretexto de sacar rendemento electoral.
Castiñeira tamén propuxo para Cordido a creación dun acceso dende Vilamor ata Ferradás, ademais de mellorar o camiño dende O Sisto ata O Barral e completar o saneamento nos lugares do Sisto, Fabega e O Barral. Para Santo Acisclo, tal e como lles trasladará hoxe o candidato popular aos veiños, o obxectivo céntrase na creación dunha área recreativa na zona dos muíños e na segunda fase do saneamento, ademais dun plan de recuperación das ribeiras do Ouro de Santo Acisclo a Fazouro, en colaboración con Augas de Galicia, e a creación dunha senda verde. Castiñeira tamén fixo referencia á mellora do trazado e firme da estrada LU-151, dende Santo Acisclo ata Fazouro.
O Partido Popular falou, así mesmo, do seu plan de traballo en servizos sociais para as parroquias baseado na igualdade: “As parroquias poderán ter transporte diario cara ao centro de día que se creará xunto co xeriátrico, mellorarase da teleasistencia e crearase un servizo de cátering asistencial que, xunto co banco de alimentos e roupa, asistirá aos veciños máis desfavorecidos do núcleo urbano e as parroquias por igual”.
Castiñeira está a amosar grande inquietude polas parroquias, das que quere importar eses valores característicos de traballo, esforzo, humildade e respecto pola natureza, polas tradicións e os maiores, uns valores cos que configurou súa candidatura, apostando por que máis do 60% do seu equipo humano fose das parroquias, e que reafirmou na apertura da campaña en Cordido.