Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPde Burela afirma que o alcalde quixo usar electoralmente o cambio de nome da Praza do Concello

NOTA DE PRENSA

O PP afirma que o alcalde quixo usar electoralmente o cambio de nome da Praza do Concello

Tamén aseguran que non fixo nada para declarar a zona xeolóxica de Castrelo-O Perdouro como Zona Natural de Interese Local, que o PP inclúe no seu programa electoral.
Os populares lamentan a degradación da alcaldía producida pola irresponsabilidade do alcalde.

Burela, 11 de maio de 2011.- O Partido Popular burelés asegurou hoxe a través dunha nota de prensa que o alcalde quixo usar electoralmente o cambio de nome da Praza do Concello por Praza da Confraría de Pescadores, ó tentar levar o asunto no pleno celebrado o pasado día tres de maio, pero foi a propia Confraría a que non o permitiu.

O PP lembra que a Confraría presentou dous escritos pedindo tal cambio, un en decembro e outro a mediados de xaneiro. Pero o alcalde non levou a pleno este asunto nin en xaneiro, tendo xa os dous escritos, nin en febreiro, nin en marzo, o que quere decir que pensaba incluilo no pleno de abril, xa ás portas da campaña electoral, para usalo como gancho electoral. Ademais, tiña pensado facer unha pequena festa, algo típico nel, para colocar a correspondente placa. E ante a posibilidade de que o alcalde usase este asunto no pleno de abril, que logo se celebrou o día tres de maio, a propia Confraría presentou un escrito o día dezanove de abril pedindo que o asunto non se tratase en campaña pre-electoral para salvagardar o nome da propia confraría como institución.

A xuizo dos populares, esto demostra a doble cara do alcalde. El foi quen anunciou que se lle poñería o nome da Confraría á Praza do Concello, pero el foi o que demorou intencionadamente o asunto, para tentar sacarlle rédito político. Precisamente el, que como presidente da Fundación EXPOMAR ainda tén unha débeda de vinte mil euros coa Confraría polo uso da nave de redes en anos pasados.

Noutro orde de cousas, os populares afirman que o alcalde non fixo absolutamente nada para que a zona xeolóxica de Castrelo-O Perdouro fose declarada Zona Natural de Interese Local, cuestión que o PP apoia e que inclúe no seu programa electoral. Este asunto levouno a pleno como un gran paso para o desenvolvemento turístico de Burela, para tramitar a solicitude ante o Servicio Provincial de Costas do Estado, pero, ante a resposta de Costas, que decía que a declaración era competencia da Xunta e que o propio concello debía tramitar o expediente, nada se fixo ó respecto.

O PP tén constancia de que na Xunta non se tén recibido ningún documento, o que quere decir que no concello non se fixo nada nin se tramitou nada.

Para os populares, unha vez máis, e así pasamos catro anos, demóstrase a desgana e ausencia de traballo do alcalde e do bipartito en cuestións que, sen ser determinantes para a vida municipal, son as que demostran tamén a capacidade de xestión das persoas que teñen responsabilidades de goberno. Así, nestes catro anos, o ocupante do despacho da alcaldía veu pasar o tempo, caer as follas das árbores, velas nacer de novo, pero nada se fixo de proveito polo concello nin polos seus habitantes. Catro anos perdidos.

Exit mobile version