Site icon Crónica3.com A Mariña

O programa Km0 ofrece esta semana 8 rutas por Sober, Negueira, O Courel, Ribadeo, Viveiro e Burela

Nota de prensa

O programa Km0 ofrece esta semana 8 rutas por Sober, Negueira, O Courel, Ribadeo, Viveiro e Burela

– Preto de 500 persoas participan nas viaxes organizadas pola Deputación para difundir os recursos da provincia entre os propios lucenses e contribuír á dinamización da economía local

– Díaz Valiño recibiu este martes en San Marcos ó colectivo veciñal Os Seis Muíños de Santalla de Lamas, de Lugo, e á Asociación de Gaiteiros de Castro de Rei, que fixeron percorridos por A Montaña e a Ribeira Sacra, respectivamente

A Deputación de Lugo organiza ó longo desta primeira semana do mes de maio 8 rutas pola provincia no marco do programa Km0, que ten como obxectivo difundir os recursos da provincia entre os propios lucenses e contribuír á dinamización da economía local. Os destinos das viaxes son Sober, Negueira de Muñiz, O Courel, Ribadeo, Viveiro e Burela, e nelas participarán preto de 500 persoas.

As primeiras saídas tiveron lugar onte pola Ribeira Sacra e A Mariña. Un grupo de 48 usuarios da residencia lucense de San Roque coñeceu a olería de Bonxe para desprazarse seguidamente a Sober, onde comeu no restaurante “Parada Dos” e visitou o Mirador do Duque, a zona de Cadeiras e a bodega Proencia. Por outra banda, 110 usuarios dos Servizos Sociais do Concello de Sarria, tras achegarse ó Centro de Interpretación Terras do Miño, viaxaron a Ribadeo, onde comeron no restaurante “Marinero”, fixeron unha travesía en barco pola ría e deron un paseo polo casco histórico.

Na xornada de hoxe houbo outras dúas rutas por A Montaña e a Zona Sur, demandadas polo colectivo veciñal Os Seis Muíños de Santalla de Lamas, en Lugo, e pola Asociación de Gaiteiros de Castro de Rei, respectivamente. Ambos grupos foron recibidos no salón de actos do Pazo de San Marcos polo Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño. Os veciños de Santalla de Lamas estiveron despois no Mazo de Santa Comba, no embalse e na área recreativa de Salime, en Negueira de Muñiz, e no Museo Comarcal da Fonsagrada. A comida celebrouse no restaurante fonsagradino “Cantábrico”. En canto ó colectivo de Castro de Rei, visitou o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, comeu na adega Algueira de Sober e, pola tarde, deu un paseo hasta Pena do Castelo e por Cadeiras, e coñeceu a olería de Gundivós.

A programación continúa mañá mércores cunha viaxe ó Courel, demandada pola Asociación de Viúvas de Santa María do Campo de Ribadeo, e outra ó municipio ribadense, que solicitou a agrupación cultural e veciñal de Santiago de Cicillón de Taboada. A primeira delas consistirá en visitas ó CENTRAD, ós castros de Vilar e da Torre, e a Seceda. A comida terá lugar na casa de turismo rural “Ferreiro”, en Folgoso do Courel. O segundo percorrido da xornada comezará no Centro de Interpretación Terras do Miño para continuar cunha comida no restaurante “As Catedrais” de Ribadeo e con paseos polas praias das Catedrais e Os Castros, as antigas cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil.

Para o xoves está previsto que un grupo da asociación veciñal Terras de San Vicente do Páramo redescubra Viveiro e outro de veciños do Concello de Portomarín se achegue a Burela. A ruta polo municipio viveirense comezará tras unha visita á Fundación TIC, dependente da Deputación. Despois, haberá unha comida no restaurante “Louzao” e un percorrido pola lonxa de Celeiro, a praia de Covas e o Monte San Roque. En canto ó grupo de Portomarín, coñecerá a olería de Bonxe e, xa en Burela, comerá no restaurante “Palacio de Cristal” e achegarase ó porto, onde verá a lonxa, o barco museo Reina del Carmen e a actividade das redeiras.

Exit mobile version