Nota de prensa
O PSOE DE CERVO PRESENTA ÓS VECIÑOS O SEU PROGRAMA ELECTORAL BASADO NUN MODELO DE CRECEMENTO E DE FUTURO
-Os socialistas aseguran que “levamos doce anos perdendo en tódolos ámbitos, grazas á inoperancia, desidia e falta de compromiso e traballo do goberno do partido popular”
Lara Méndez, candidata socialista, asegura que “a cercanía e proximidade cos veciños é fundamental á hora de dar a coñecer as nosas ideas e propostas e saber tamén as súas inquietudes para traballar no camiño adecuado”.
Os socialistas subliñan que “temos claro o modelo de crecemento que queremos para Cervo. Necesitamos facer unha reestructuración de fondo, un cambio no modelo produtivo, o que significa cambiar radicalmente as políticas do goberno actual, que non pasa por levar a cabo unha actuación puntual, senón unha serie de actuacións que nos leven aos camiños do crecemento de futuro”.
Dende o PSOE de Cervo lembran que “levamos doce anos de goberno do partido popular no noso Concello e dende aquela estamos a perder poboación continuamente ano tras ano, coa merma de servizos e ingresos que iso conleva, coa perda de categoría que sufrimos hai catro anos e que repercute negativamente no conxunto da poboación. Temos un concello moi rico, cunha gran capacidade de crecemento. Simplemente cun proxecto de futuro claro e con traballo é doado darlle o pulo que Cervo se merece para sacalo do alertagamento que está a sufrir”.
Proxectos para o cambio
A candidata socialista sinala que “para darlle ó Concello un xiro de 180 grados, hai que potenciar tódalas infraestruturas que temos e non continuar coa inoperancia, desidia e falta de compromiso e traballo que demostra o goberno actual”.
Lara Méndez afirma que para executar este modelo hai que comezar pola elaboración do PXOM, “xa que en doce anos non foron quen de levalo a cabo”, e facer de Cervo un lugar atractivo para implantación de pequenas empresas que axuden a crear emprego estable e a fixar poboación, para superar os 5.000 habitantes.
No programa tamén destacan “conseguir que Cervo sexa un referente turístico durante todo o ano, potenciando o sector da hostelería e o comercio local. A creación do “Entorno Turístico Rural”, para poñer en valor toda a riqueza medio ambiental do noso Concello e dunha rede de rutas de sendeirismo integradas no entorno co mínimo impacto ambiental, así como conservar e facer un inventario do noso Patrimonio Artístico-Histórico”.
Os socialistas engaden que dentro do modelo de crecemento que pretenden levar adiante necesitan “mellorar as comunicacións viarias, para fortalecer os polígonos industriais e buscar a implantación de PEMEs, e as tecnolóxicas, para as empresas e os veciños (Internet: banda ancha, TDT, telefonía móvil con cobertura). Ademais de acadar os servizos acordes coa demanda existente e futura que todo concello con perspectiva de crecemento necesita ter a disposición dos veciños”.
O PSOE de Cervo insiste en que “traballaremos para levar adiante todas estas actuacións entre moitas outras, cunha única finalidade, recuperar o espazo que Cervo se merece e que foi perdendo nos últimos doce anos”.