Nota de prensa
A CANDIDATURA SOCIALISTA DE FOZ PRESENTA AS SÚAS PROPOSTAS EN MATERIA DE TRABALLO E FORMACIÓN A REPRESENTANTES DA UXT NA MARIÑA
-O secretario xeral deste sindicato na comarca recoñeceu o esforzo e as políticas de fomento de emprego de García Rivera nestes últimos catro anos
José María García Rivera, candidato socialista á alcaldía de Foz, destacou o seu compromiso para fomentar emprego no seu Concello e sinalou que “dentro das iniciativas dos socialistas está a consolidación do Plan de Emprego co que crearemos 35 postos de traballo anualmente, e tamén do Pacto polo Emprego no Campo co que poñeremos en marcha unha cooperativa agraria que permitirá crear emprego ademais de poñer en valor os produtos do noso campo”.
O socialista sinalou que “outra das nosas propostas é a construcción dunha residencia de maiores e dunha gardería infantil que ademais de cubrir uns servizos necesarios para os veciños de Foz, xerarán un total de 150 postos de traballo”.
En materia de formación, García Rivera subliñou que “na nave que ten o Concello no Polígono Industrial de Foz, crearemos un Centro de Formación Permanente. Firmaremos convenios con sindicatos para poder ofertar cursos de formación de maneira continuada”. E engadiu que “será tamén un obxectivo fundamental a creación de vivendas sociais”.
Recoñecemento a Rivera
Pola súa parte, o Secretario Xeral da UXT na Mariña, Juan Carlos Piñeiro, valorou moi positivamente esta xuntanza e asegurou que “esta candidatura foi a única que se reuniu co sindicato para estudar as medidas propostas en materia de emprego. Unha iniciativa que me parece importante para fomentar o diálogo social entre institucións e sindicatos”. Ademais, considerou que as medidas do programa socialista son serias e de futuro e criticou a outras formacións que defenden outro tipo de políticas que non van xerar traballo.
Piñeiro fixo unha valoración moi boa das políticas levadas a cabo por José María García Rivera nestes últimos catro anos respecto ó fomento e creación de emprego no Concello. Así o reflexa o índice de parados en Foz, está case 10 puntos por debaixo da media da Mariña. Neste senso, o traballo e esforzo de Rivera foi recoñecido polos membros da UXT cunha placa que lle entregaron nesta mesma xuntanza.