Site icon Crónica3.com A Mariña

Outra revolución

“Como podemos facer mellor as cousas sen gastar máis diñeiro?” Esta pregunta é a que se fai David Cameron, antes de converterse en primeiro ministro de Reino Unido.

Levamos anos con Internet nas nosas vidas e, aínda nos sorprendemos de como segue transformando a nosa forma de actuar e de pensar. Realmente, o proceso de transformación que propicia Internet, orixinado polo cambio das dinámicas no fluxo de información, aínda se atopa nos seus primeiros estadios.

O número de internautas -persoas con capacidade de conectarse baixo novas dinámicas- crece de xeito exponencial, xa somos 2.000 millóns no mundo. Con estas eleccións, algúns políticos entenderon que ter unha presenza na Rede non era unha opción senón algo de «obrigado cumprimento».

Os nosos políticos xa están conectados e, aínda que agora usen a plataforma exclusivamente para comunicar, é unha confirmación que a dinámica de Internet segue o seu avance -ás veces máis lento do que nos gustaría- cara á transformación da forma de facer as cousas. Incluída a política e a participación cidadá. Ademais, o feito de que os políticos, como líderes sociais se conecten, arrastra a aqueles que antes permanecían á marxe do que sucedía en Internet, logrando un efecto multiplicador e de crecemento exponencial.

Non era o meu obxectivo valorar o uso que os políticos están facendo de Internet, senón a de pór en valor o feito de que, con iso, están acelerando a implantación das novas dinámicas de Internet… que non só teñen que ver coa comunicación, senón que impactarán nos modelos de participación, e xestión.

Segundo David Cameron, se mesturamos as verdadeiras bases da política coa revolución da información, estamos nun momento crucial e fascinante para refacer os servizos públicos. A min, como cidadán, gustaríame formar parte tamén desa revolución.

Otero Regal

Exit mobile version