Site icon Crónica3.com A Mariña

Homenaxean a Hernán Naval e “ao que significou para varias xeracións ribadenses” cunha exposición

Nota de prensa

Un berro na parede

Ribadeo, abril de 2011. Cando Hernán Naval chegou a Ribadeo no ano 1989 coa encomenda de dar forma a una banda de música sabía ben que o seu traballo tiña que ir máis aló de xuntar a un feixe de mozas e mozos, outros non tanto, e poñelos a tocar. Había que formar músicos pois senón non había banda mais tamén había que formar público pois senón a banda non tiña sentido. E, ¿cómo se forma ao público?. Hernán Naval tiña claro que a música non por si soa non chegaba e por elo acompañou sempre cada concerto da banda cun cartaz, un programa de man e máis unha nota de prensa cargados de simbolismo e cun evidente trasfondo didáctico. Pasaron quince anos, incluso máis, dalgún deses cartaces e dez dende que Hernán redactou as notas ao programa dun concerto que xa non puido dirixir, o das Letras Galegas de 2001, pero as súas letras e as imaxes que acompañaban a un bo feixe daqueles textos continúan plenamente vixentes. E por iso cómpre volver a eles, revisitalos para lembrar pero sobre todo para non esquencer os piares sobre os que se ergeu a Banda Municipal de Ribadeo e máis toda a vida musical que foi nacendo á par desta. Cada concerto que se organizaba non era só música. Un cartaz cheo de simbolismo, cada un cun estilo ou técnica diferente pero sempre cunha mensaxe de fondo, e tamén un programa de man no que se comentaban as obras a interpretar. Hernán concebía así os concertos, coma un todo que permitise ao público aprender a escoitar.

O encargado de reactivar eses recordos é Chenchu. En realidade chámanlle César López Martínez pero poucos o coñecen por ese nome. Foi músico, percusionista para máis señas, da Banda, direitivo da Asociación Amadores da Música e máis da Federación Galega de Bandas de Música Populares pero a súa principal encomenda na formación musical ribadense foi a de “axitador”. Así lle chamaba Hernán e quizáis non lle faltaba razón. O mesmo deseñaba un feixe de pegatinas para recadar cartos e mercar uns timbais novos cá participaba na creación da “Contrabanda” ou na organización das ceas de churrasco de cada Venres Santo. Pero o seu “oficio” por excelencia foi o deseño de boa parte dos cartaces da BMR. Foi o propio Hernán quen lle deu folgos para tal encomenda e xuntos, ambos e dous, deron forma aos textos e ás imaxes que acompañaron, formando un todo único e ben conxuntado, a música da Banda Municipal de Ribadeo en cada un dos seus concertos.

Coincidindo co décimo cabodano do pasamento de Hernán Naval, Chenchu recupera un feixe daquelas ilustracións co fin de lembrar algún concerto, algunha anécdota, algunha conversa, algunha viaxe das moitas que xurdiron arredor da Banda, da Escola ou dese universo musical que Hernán Naval conseguiu crear en Ribadeo. Con esta escolma de cartaces, de berros pendurados nunha parede, Chenchu quere, en fin, render homenaxe á figura de Hernán e a todo o que significou para varias xeracións ribadenses.

A exposición poderá verse entre os días 13 e 22 de maio de 2011 na antiga Oficina de Turismo, no Parque de San Francisco. A música das imaxes, imaxes para un músico conta coa colaboración da Asociación Amadores da Música.

Exit mobile version