Pilar Farjas Abadía participou en Burela nos actos conmemorativos do 25 aniversario do Hospital da Costa
A conselleira de Sanidade anunciou que Burela contará en xuño coa súa unidade fixa de prevención de cancro de mama
Este novo servizo permitirá que 9.000 mulleres de toda a comarca da Mariña se beneficien da mellora da calidade asistencial deste moderno equipamento
Anunciou a posta en marcha este ano das vías rápidas de cancro de mama e de próstata, que se suman ás vías rápidas xa implantadas de cancro otorrinolaringolóxico e colo-rectal
No tocante ás infraestruturas destacou que a área de xinecoloxía e obstetricia estará en funcionamento e plenamente operativa nas próximas semanas, tras o remate das obras
A conselleira de Sanidade fixo un recoñecemento público ao labor dos profesionais do hospital nestes 25 anos, onde se realizaron máis de 3 millóns de actos clínicos
Esta nova unidade permitirá ofrecer un servizo de maior calidade, e con maior confort e intimidade para as pacientes, fronte a atención que recibían nas unidades móbiles, e súmase ás unidades doutros hospitais comarcais como Cee, Salnés, Verín ou o Barco. Así o destacou Pilar Farjas, quen presidiu o acto de conmemoración do 25 aniversario do Hospital da Costa, no que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias Rodríguez, e pola directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Esperanza Fernández Lago, entre outras autoridades.
A conselleira de Sanidade ratificou a aposta do seu departamento “para facer posible a ampliación da carteira de servizos e a potenciación do Hospital da Costa”, e engadiu que todas as actuacións que se están a levar a cabo “constitúen un esforzo que se manterá de cara ao futuro, para facer posible a ampliación da carteira de servizos e a potenciación do hospital. “Sei que temos que mellorar, e que entre todos conseguiremos facelo”.
A conselleira de Sanidade afirmou a importancia do traballo conxunto para atender aos mariñáns nos seus centros de saúde e no hospital da Costa, “por iso potenciamos a capacidade de resolución dos profesionais de atención primaria, e o traballo conxunto cos do hospital”.
Ampliación da carteira de servizos e mellora de infraestruturas
No ámbito da mellora asistencial, Pilar Farjas anunciou que este ano serán implantadas as vías rápidas de cancro de mama e de próstata, que se sumarán ás vías rápidas xa implantadas de cancro otorrinolaringolóxico e colo-rectal, e o proceso de insuficiencia cardíaca.
No tocante ás infraestruturas, a conselleira destacou que a obra da área de Xinecoloxía e Obstetricia estará en funcionamento e plenamente operativa moi pronto. Ademáis, lembrou outras melloras desenvolvidas como a das cubertas e a ampliación dos arquivos; así como as das áreas de pediatría, consultas, e farmacia; e outras actuacións xerais como a remodelación da rampla de acceso.
Para a titular de Sanidade, é fundamental destacar a importancia para o Hospital da Costa da implantación e desenvolvemento das novas tecnoloxías, como a historia clínica e a receita electrónica. Supoñen, -dixo a conselleira-, un avance sen precedentes e agora que xa están dispoñibles para a práctica totalidade da poboación fan posible a implantación de melloras na imaxe médica, a telemedicina, ou o acceso a probas diagnósticas.
Máis actividade no Hospital
Pilar Farjas agradeceu a todos os profesionais que nestes 25 anos de existencia de Hospital da Costa fixeron posible acadar “a complicidade e compromiso dos pacientes e cidadáns da Mariña”.
Ao longo deste cuarto de século, neste hospital naceron máis de 11.000 persoas; creáronse e custodiáronse máis de 190.000 historias clínicas, resultado de máis de 117.000 ingresos, máis de 95.000 intervencións, case dous millóns de consultas, máis de medio millón de urxencias, e 12.000 ingresos na unidade de coidados intensivos. Diariamente móvense por este hospital máis de 700 pacientes, que sumados aos profesionais e visitantes, completan unhas 2.000 persoas ao día neste centro.
A titular da carteira sanitaria do executivo galego destacou que a Consellería de Sanidade ten o firme compromiso de “atender aos pacientes no lugar máis próximo, e no menor tempo posible”. Froito deste compromiso é que o sistema sanitario público é o servizo máis e mellor valorado polos cidadáns, segundo datos do barómetro sanitario, no que se incrementa en case 6 puntos a valoración positiva da sanidade en Galicia, pasando do 71.6% en 2008 ao 77.5% no 2010; e no que aumentou, nun 5,6%, a porcentaxe de galegos que consideran a atención hospitalaria recibida como “boa ou moi boa” no ano 2010 respecto ao 2008.