Site icon Crónica3.com A Mariña

Tras un mes co Burela FS o nipón Toru Sato asegura que a acollida está sendo inmellorable

NOTA DE PRENSA
TORU SATO: ‘A ACOLLIDA DO BURELA FS ESTÁ SENDO INMELLORABLE’

Tras un mes co Burela FS e imbuído xa da filosofía laranxa, o internacional nipón Toru Sato destacou a boa comunicación tanto co adestrador, Suso Rey, coma co resto dos membros da escuadra laranxa, sen importar o salto idiomático, e a súa evolución futbolística: “A acollida do Burela FS está siendo inmellorable; os compañeiros trátanme coma un máis dende o primeiro día”. No entanto, o xogador deberá adiantar o regreso ao seu país; marchará o 18 de maio ante o chamamento da selección xaponesa, que recibirá o combinado checo en xuño en dous amigables e viaxará á China para medirse ao Brasil e Arxentina, entre outros.

Ademais de internarse na dinámica de traballo do equipo de Prata, Toru Sato tamén está compartindo sesións coas categorías de base dende a perspectiva do profesorado. Na súa experiencia laranxa, o xogador incidiu na calidade dos xogadores burelistas e a profesionalidade do club en todos os seus estratos e do fútbol sala en España, a diferenza do xaponés: “No meu país só hai un equipo profesional, o Nagoya Oceans; o resto debe adecuar a súa preparación á axenda dos futbolistas, que deben compatibilizar os adestramentos con outras obrigas laborais”.

A aclimatación de Toru ao equipo durante estas semanas esténdese ao día a día en Burela, do que está gratamente sorprendido. “A pesar da distancia cultural entre España e Xapón, non tiven problemas para adaptarme á vida occidental; o que peor levo son os horarios das comidas, boto en falta o arroz xaponés, e o máis sorprendente para min é o descanso da sesta”. “Gústame o equipo, gústame a vila e marcho cun gran recordo dos compañeiros. Espero regresar a España e oxalá sexa para volver ao Burela FS”, dixo Toru.

Para o CD Burela FS resulta moi satisfactoria a experiencia vivida xunto ao xogador e agradécelle a súa actitude e predisposición durante o mes de convivencia co equipo laranxa.

Exit mobile version