Site icon Crónica3.com A Mariña

78 empresas preséntanse para os contratos de mellora e conservación das estradas autonómicas de Lugo

Nota de prensa:
A XUNTA RECIBE CASE 80 OFERTAS AOS CONTRATOS DE MELLORA E CONSERVACIÓN DOS MÁIS DE 1.500 QUILÓMETROS DA REDE VIARIA AUTONÓMICA DA PROVINCIA DE LUGO

Con estas actuacións garántese o mantemento das estradas de titularidade autonómica
Estes dous contratos tradúcense nun beneficio para os máis de 344.000 habitantes da provincia luguesa

Santiago, 2 de xuño de 2011.- A Xunta recibiu un total de 78 ofertas aos contratos de mellora, conservación e vialidade invernal das estradas autonómicas da provincia da Lugo, das que 40 ofertas corresponden aos viais da zona norte e 38 á zona sur da provincia. Este contrato de obra pública da Consellería de Medio Ambiente implica un gasto de máis de 34,1 millóns de euros, en obras de conservación ordinaria nos máis de 1.500 quilómetros da rede viaria das zonas norte e sur da provincia de Lugo. O propósito destas actuacións é o de garantir o mantemento da rede de estradas de titularidade autonómica, o que permite unha axeitada limpeza e coidado da rede viaria.

As obras que se levarán a cabo corresponden a unha xestión integral de conservación ordinarias das estradas, nas que se inclúe tamén as actuacións necesarias para o mantemento das condicións estruturais do firme, así como a reparación urxente de zonas puntuais danadas ben por causas naturais ou provocadas por algún accidente.

As unidades de obra divídense en tres grupos:

Grupo I: accións de vixilancia, atención a emerxencias e incidencias, así como viabilidade ambiental.
Grupo II: labores de conservación ordinaria.
Grupo III: operacións destinadas á conservación ordinaria programada, así como á atención de incidencias relevantes.

Grazas a este investimento, o departamento de Medio Ambiente do Goberno galego realizará reparacións dos elementos degradados ou a reposición completa, se é preciso. Así mesmo, proxéctanse labores revexetación, fresadura, roza e limpeza das marxes das estradas, e a reposición da sinalización horizontal ou vertical, entre outras.

Máis actuacións

Así mesmo, levaranse a cabo operacións imprescindibles para facilitar ou facer posible a circulación dos vehículos na infraestrutura existente, prestando especial atención ao Plan de Vialidade Invernal da Xunta de Galicia.

Os traballos neste eido van encamiñados ao desenvolvemento de medidas preventivas, como a extensión de fundentes, ou medidas para garantir a seguridade, como os quitaneves.

Os contratos aprobados hoxe terán vixencia durante os vindeiros cinco anos, comezando neste mesmo exercicio, e supoñen un beneficio para os máis de 344.000 habitantes da provincia lucense; máis de 133.000 da área norte e case 211.500 da sur.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Todas estas accións se levarán a cabo en máis de 1.500 quilómetros das estradas da provincia de Lugo, 684,2 quilómetros correspondentes a Lugo norte e 821, 5 quilómetros a Lugo sur.

Exit mobile version