Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta en Lugo di que os docentes “son un motor fundamental da sociedade” e solicitou “colaboración”

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS DEFENDE QUE AS MELLORAS NORMATIVAS E O ESFORZO INVERSOR “BENEFICIARÁN AO ENSINO” E AXUDARÁN “A SAÍR DA CRISE PREPARADOS PARA O FUTURO”

A delegada territorial clausurou un foro sobre educación de calidade celebrado en Foz e no que participou o profesorado dos centros mariñaos

Foz, 22 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, clausurou hoxe o foro sobre educación de calidade organizado en Foz polo xornal El Progreso e no que participou o profesorado e equipos directivos de centros de ensino da Mariña.

A delegada territorial defendeu que a calidade do noso sistema público de ensinanza, explicando que as melloras normativas que está a introducir a Consellería de Educación servirán para incrementar os parámetros de calidade. “Se o progreso necesita sempre do coñecemento, máis aínda se precisa para superar a crise e prepararse para o futuro escenario que nos agarda”, sinalou.

Ao respecto, lembrou que o Goberno galego dedica 3 de cada 4 euros do orzamento ao ámbito social, e boa parte deste investimento á educación. Así, é posible a introdución de medidas como o programa Abalar, que “está a ser moi ben valorado pola comunidade educativa” –subliñou- ou a implantación dos centros plurilingües.

Arias aludiu ás premisas da Lei de Convivencia que está a elaborar a Consellería de Educación, que ofrece “máis implicación das familias, un maior recoñecemento da figura do docente e unha maior autonomía dos centros”. É una norma, asegurou, “oportuna e fundamental para mellorar a calidade do sistema educativo galego”.

A delegada destacou que se baseamos o progreso e o crecemento económico na educación, “resulta clave adaptar as ensinanzas ás demandas do mercado laboral, pero igualmente á demanda do alumnado”, que é o que se pretendeu coas recentes reformas realizadas en varios ciclos formativos e co establecemento dos Centros Integrados de Formación Profesional.

Igualmente, fixo referencia a “outra iniciativa que redundará na calidade e mellora do ensino, como é o reaxuste do horario do profesorado”. Explicou que “non supón en ningún caso un aumento das horas de traballo; a xornada laboral seguirá a ser de 37,5 horas semanais, pero dedicarán a tarefas lectivas 25 horas en lugar de 21”.

Con esta modificación, incidiu, “Galicia busca equiparar a carga lectiva dos mestres galegos á do resto das comunidades autónomas, ao tempo que responde á demanda de moitos pais e nais” para que os escolares estean atendidos en determinadas circunstancias, concretamente cando os nenos chegan aos centros de ensino desde o transporte.

Finalmente, a delegada transmitiu aos docentes o seu recoñecemento “porque son un motor fundamental da sociedade” e solicitou “a colaboración que sempre prestaron, e seguen a prestar, porque sen eles sería imposible acadar os obxectivos de calidade propostos”.

Exit mobile version