Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegada da Xunta en Lugo e o alcalde de Foz reuníronse analizar os proxectos do concello

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS REUNIUSE CO ALCALDE DE FOZ PARA ANALIZAR A MARCHA DOS PRINCIPAIS PROXECTOS QUE A XUNTA LEVA A CABO NO CONCELLO MARIÑAO

Nesta primeira toma de contacto avaliaron proxectos de infraestrutura viaria ou abastecemento que suman un investimento de máis de 5 millóns de euros
A delegada territorial reiterou o compromiso da Consellería de Educación co IES da localidade, “intentando manter os ciclos formativos proveitosos para os sectores produtivos da comarca sempre que se alcance a matrícula necesaria”

Foz, 16 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantivo hoxe unha primeira toma de contacto co novo alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, con quen analizou a marcha dalgúns dos principais proxectos que desenvolve nese concello o Goberno autonómico.

Así, a delegada informou ao alcalde de actuacións en diversas infraestruturas que están nestes momentos en execución e suman un investimento de máis de 5 millóns de euros. En concreto, Arias referiuse ás obras de mellora do abastecemento de Foz, nas que se invisten 2,21 millóns de euros.

A delegada territorial tamén informou ao alcalde doutros proxectos de gran relevancia para o municipio, como os traballos de mellora da seguridade viaria e de reforma de firme que se realizan na estrada LU-162, entre Ferreira do Valadouro e Cangas de Foz.

Esta obra está a ser acometida pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI), conta cun investimento de 1,9 millóns de euros e está executada en máis do 60%. A delegada explicou que se redactará un novo proxecto para ampliar a actuación e contemplar a construción de beirarrúas en Cangas de Foz.

Igualmente, a SPI, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, inviste 870.000 euros na dotación de beirarrúas e a mellora do pavimento en varios tramos da estrada LU-152, entre Ferreira e Foz. Actualmente estanse a executar os proxectos dos núcleos de Santa Cecilia, San Acisclo e Valadouro, e en breve procederase a iniciar as obras en San Martiño. A actuación podería estar completa no vindeiro mes de agosto.

A través da empresa pública Tragsa, a Xunta executa tamén o saneamento na parroquia de Fazouro, proxecto ao que se destinan 85.600 euros.

Ao marxe das obras de infraestrutura, o alcalde de Foz transmitiu á delegada territorial a súa satisfacción pola decisión da Xunta de ofertar o ciclo superior de dirección de cociña no IES de Foz.

Arias reiterou que “en todo momento foi vontade da Consellería de Educación reforzar a oferta formativa naqueles ciclos que tiveran demanda e evidente relación cos sectores produtivos do entorno”. O problema, matizou, “radicou na escasa matrícula que viña rexistrando esta rama en Foz”.

A delegada confiou en que de cara ao vindeiro curso se incremente o nivel de matrícula e finalmente sexa posible continuar impartindo este ciclo superior no centro focense.

Exit mobile version