Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegada da Xunta en Lugo visitou o Valadouro para entregar seis vivendas sociais e reunirse co alcalde

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS VISITOU O VALADOURO PARA FACER ENTREGA DE SEIS VIVENDAS SOCIAIS E MANTER UNHA REUNIÓN DE TRABALLO CO NOVO ALCALDE

A Xunta investiu 2,1 millóns de euros nesta promoción pública, composta por un total de 30 pisos
A delegada territorial e José Manuel Lamela Piñeiro abordaron actuacións e proxectos autonómicos no municipio do Valadouro

O Valadouro, 23 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, fixo entrega hoxe das últimas seis vivendas que restaban por adxudicar dentro da promoción de 30 pisos construída en Ferreira do Valadouro, na que o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu un total de 2.144.158 euros.

As seis vivendas son adxudicadas en réxime de aluguer, con rendas mensuais que oscilan entre os 115,12 euros e os 141,12 euros. Todas dispoñen dunha superficie útil de 90 metros cadrados, a excepción dunha que mide 83,2 metros cadrados.

Raquel Arias estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José María López Vega, e polo novo alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela Piñeiro, neste acto ao que foi invitada a corporación municipal valadourense ao completo.

Deste xeito, a delegada aproveitou a ocasión para manter unha reunión de traballo co rexedor e informarlle dos principais plans de actuación da Xunta no concello, así como coñecer a marcha de proxectos que requiren do concurso de ambas administracións, como os investimentos do fondo de compensación ambiental.

O concello do Valadouro recibe este ano da Xunta de Galicia 189.400 euros a través deste fondo de compensación, que procede do canon eólico e permite aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica no seu territorio.

A contía asignada ao concello do Valadouro está en correspondencia co número de aeroxeneradores instalados no municipio e polo tanto resulta similar ao do pasado exercicio, cando permitiu levar a cabo a rexeneración da marxe dereita do río Ferreira e o acondicionamento da zona como paseo fluvial e área recreativa.

Arias referiuse a outras iniciativas que a Xunta desenvolve no concello, como varios proxectos de infraestrutura da Consellería de Medio Rural que serviron para acondicionar camiños en diversos núcleos de poboación e que sumaron un investimento de preto de 200.000 euros.

Igualmente, a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI) realiza traballos de mellora da seguridade viaria e reforma de firme na estrada LU-162, entre Ferreira do Valadouro e Cangas de Foz, infraestrutura que conta cun investimento de 1,9 millóns de euros e está executada en máis do 60%.

A potenciación da riqueza forestal do concello é outro punto de actuación da Xunta, que distribuíu no Valadouro 103.500 euros a través da Dirección Xeral de Montes, tanto en accións de xestión directa como en subvencións aos propietarios dos montes.

No eido da creación de emprego, a delegada territorial lembrou que O Valadouro comparte con Alfoz –a través da Mancomunidade de Municipios Río Ouro- un obradoiro de emprego no que se forman 24 alumnos nas especialidades de operacións de formigón, instalación de elementos de carpintaría e xardinaría, proxecto ao que a Consellería de Traballo e Benestar destina 519.358 euros.

Igualmente, dentro da área social, destacou o esforzo da Xunta de Galicia por reforzar os servizos sociais, especialmente os destinados aos maiores e aos nenos. Ao respecto, lembrou que o actual Goberno autonómico creou 20 novas prazas de escola infantil no Valadouro.

Exit mobile version