Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xuta informou a colectivos de mulleres de subvencións para o movemento asociativo feminino

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS INFORMOU AOS COLECTIVOS DE MULLERES DAS SUBVENCIÓNS DA XUNTA PARA O FORTALECEMENTO DO MOVEMENTO ASOCIATIVO FEMININO

A delegada territorial destacou a nova liña de axudas para a realización de actividades dirixidas á promoción de hábitos de vida saudables

Lugo, 14 de xuño de 2011.- A delegada territorial, Raquel Arias, mantivo esta mañá unha xuntanza no Edificio Administrativo da Xunta con representantes de colectivos de mulleres para informarlles acerca das liñas de subvención postas en marcha pola Secretaría Xeral da Igualdade para a consolidación e fortalecemento do movemento asociativo feminino.

A delegada destacou que, xunto coas axudas para gastos correntes de funcionamento, este ano convocouse unha nova liña de subvencións dirixida a sufragar actividades de promoción de hábitos de vida saudables. En total, a Xunta destina a estes programas un orzamento de 200.000 euros.

As principais accións subvencionables dentro do programa de hábitos de vida saudables son aquelas que promoven o exercicio físico -ximnasia, ioga, tai chi, pilates, entre outros- así como a realización de obradoiros, conferencias e actividades sobre cociña saudable, dietas equilibradas, consellos médicos e pautas de alimentación.

Igualmente, subvenciona obradoiros, conferencias e outras actividades orientadas á prevención de enfermidades crónicas prevalentes nas mulleres e ao estímulo de condutas de autocoidado, tanto físico como psicolóxico.

Polo que respecta á liña de axudas destinada a sufragar gastos correntes, poden incluírse custos como os de aluguer de local, material funxible de oficina e ofimático, gastos de correo, de persoal administrativo, asesoramento xurídico, fiscal e contable, subministro de auga, electricidade, liña telefónica e similares, ou mantemento de equipos e creación ou mantemento da páxina web.

Cada entidade deberá optar entre solicitar as axudas para os gastos correntes de funcionamento ou para actividades, e dentro destas últimas poderá presentar solicitude de subvención para un máximo de tres actuacións de promoción de hábitos de vida saudables.

Na provincia de Lugo hai 185 entidades incluídas no rexistro de asociacións prestadoras de servizos no ámbito da muller. Na xuntanza celebrada hoxe, á que asistiron representantes de boa parte das asociacións, a delegada subliñou “o importante papel que realizan etas entidades, como elemento indispensable na promoción da igualdade de oportunidades e mesmo como elemento de dinamización sociocultural do seu entorno”.

Neste sentido, reiterou o compromiso da Xunta co movemento asociativo feminino, sinalando que a oferta de subvencións pode supoñer “unha achega de ata 6.000 euros por entidade, establecendo unha contía de ata 2.000 euros de axuda por cada actividade programada”.

Exit mobile version