Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada provincial da Xunta comunicou ao alcalde de Burela o próximo remate do peirao comercial

Nota de prensa
RAQUEL ARIAS COMUNICOU AO ALCALDE DE BURELA QUE NOS VINDEIROS DÍAS ESTARÁ REMATADA A AMPLIACIÓN DO PEIRAO COMERCIAL NO PORTO

A delegada territorial reiterou ante José María Barcia a aposta do Goberno galego polo sector pesqueiro burelés

Burela, 17 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de Burela, José María González Barcia, na que coñeceu de primeira man as prioridades que o rexedor demanda para o concello á vez que lle participou o estado no que se atopan algúns dos principais proxectos que a Xunta de Galicia desenvolve no municipio.

A delegada puxo de relevo o apoio decidido do Goberno galego ao importante sector da pesca de Burela, que se manifesta tanto no impulso dado ás infraestruturas do porto como nas accións encamiñadas a potenciar os produtos pesqueiros da zona.

Así, Arias comunicou a González Barcia que está previsto que as obras de ampliación do peirao comercial no porto de Burela estean rematadas neste mesmo mes. Esta actuación supuxo un investimento de máis de 7,2 millóns de euros e estivo acompañada por outras iniciativas, como a obra de acondicionamento da entrada de camións na explanada sur do porto.

Igualmente, investíronse 1,4 millóns de euros no vial de acceso ás instalacións de Armadores de Burela (ABSA) e estanse a determinar outras obras de mellora na área portuaria, como a ordenación e mellora do abrigo do porto.

Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de someter a información pública o novo proxecto de acceso ao porto de Burela.

Diversificar a actividade económica

A delegada sinalou que a Xunta de Galicia pretende “reforzar o sector punteiro da pesca” pero “promovendo ao mesmo tempo a diversificación da actividade económica nos concellos costeiros”. Para elo, subliñou, “contamos cun importante instrumento, o programa ImpulsaLugo, que xa se concretou en importantes proxectos na Mariña lucense”.

Arias lembrou diante de González Barcia o importante papel que os concellos poden xogar para a difusión deste programa, ao ser a institución máis próxima aos empresarios e emprendedores locais.

Exit mobile version