Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 2 millóns de euros á prevención da contaminación mariña e á inspección pesqueira

Nota de prensa:
A XUNTA DESTINA MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS Á PREVENCIÓN DA CONTAMINACIÓN MARIÑA E Á INSPECCIÓN PESQUEIRA DE GARDACOSTAS

§ A Consellería do Mar prorroga o contrato para a xestión das actuacións realizadas a través de medios marítimos

A Xunta destinará 2.406.539 euros á prevención da contaminación mariña, a tarefas de salvamento marítimo e aos labores de inspeccións pesqueira de cara a dar cobertura aos profesionais do mar. Faino a través da cuarta prórroga do contrato entre o servizo de Gardacostas e a empresa Remolcanosa para a xestión das actuacións realizadas a través de medios marítimos, que hoxe foi aprobada polo Consello da Xunta. A Consellería do Mar tramitou a prórroga deste contrato axilizando a eficacia dos servizos ante calquera posible emerxencia da costa galega.

Para a prestación do servizo, a Xunta pon como medios á disposición do contratista o remolcador de salvamento Sebastián De Ocampo, o buque de salvamento e apoio Irmáns García Nodal, o buque polivalente Valentín Paz Andrade e a patrulleira Paio Gómez Chariño. Ademais, cóntase co buque Ría de Vigo, contratado pola Xunta de Galicia e a Axencia Europea de Seguridade Marítima.

O acordo inclúe a realización de todas aquelas actuacións dirixidas a adoptar medidas de preservación do medio mariño e dos seus recursos, tales como o control e a prevención da contaminación mariña. Tamén recolle as accións dirixidas a auxiliar e protexer ás persoas, os bens e o medio mariño e asegurar a conservación do medio no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais inclúe todos os labores de apoio a calquera actividade relacionada coas responsabilidades da Consellería.

O contrato, que se estenderá ata o 31 de decembro de 2011, obriga tamén á dotación de persoal suficiente para asegurar a prestación do servizo durante os 365 días do ano as 24 horas do día nos buques para atender con inmediatez calquera incidente que se produza en augas da Comunidade Autónoma.

Exit mobile version