Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta entregou un vehículo usado a confraría de pescadores de Burela para labores de vixilancia e salvamento

REFERENCIA

Raquel Arias fai entrega dun vehículo á confraría de pescadores de Burela para realizar os labores de vixilancia

Burela, 17 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, fixo entrega dun vehículo á confraría de pescadores San Juan Bautista de Burela para realizar os labores de vixilancia no seu ámbito territorial e colaborar nas tarefas de salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariña.

A delegada entregou o vehículo ao patrón maior da Confraría, Basilio Otero, nun acto no que tamén estivo presente o xefe territorial de Mar, Vicente Prieto.
A cesión deste automóbil por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, ten por obxecto mellorar e facilitar as tarefas de vixiancia, así como contribuír con máis medios na coordinación en materia de salvamento.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en días pasados a orde pola que se acorda esta cesión en propiedade, que se produce logo da petición do propio pósito. A orde recolle que o coche debe ser destinado a fins de utilidade pública e interese social e de non aplicarse a estes fins, o vehículo reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que ten o dereito a percibir o valor ou deterioración que sufrise en función da taxación pericial. O mesmo sucedería no caso de que se descoide o coche ou se incumpran as condicións do acordo.

A Lei do Patrimonio da Comunidade Autónoma Galega permite a cesión de bens mobles a entidades públicas ou sen ánimo de lucro para ser destinados a fins de utilidade pública ou interese social. A Consellería do Mar pretende así garantir o bo uso do patrimonio da nosa Comunidade Autónoma.

Exit mobile version