Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta prevé dar luz verde ao Plan Hidrolóxico Galicia costa no mes de xullo

REFERENCIA

A Consellería de Medio Ambiente financia con preto de 50.000 euros o Proxecto Ríos, que hoxe celebra o encontro dos voluntarios en Valga

A Xunta prevé dar luz verde ao Plan Hidrolóxico Galicia costa no mes de xullo, co obxectivo de acadar o bo estado ecolóxico das augas en 2015

Esta importante ferramenta de planificación dos recursos hídricos será aprobada primeiro na xunta de goberno de Augas de Galicia o 30 de xuño

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de referencia na promoción e divulgación do desenvolvemento sostible dos ríos, tanto en Galicia como no resto do Estado

A Xunta está a desenvolver unha aplicación web con soporte xeográfico para introducir os datos das inspeccións de tramos de ríos feita polos voluntarios

Santiago, 18 de xuño de 2011.- A Xunta de Galicia traballa que a comunidade conte co seu Plan Hidrolóxico Galicia Costa no vindeiro mes de xullo, logo de rematar o período de información pública. Segundo explicou o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, este importante proxecto será aprobado primeiro na xunta de goberno de Augas de Galicia o 30 de xuño, e posteriormente polo Consello da Xunta de Galicia no mes de xullo. O Plan Hidrolóxico Galicia-Costa é una ferramenta básica de planificación en materia de xestión dos recursos hídricos, que conta cun programa de medidas cuxo investimento total ascende a 1.542,7 millóns de euros ata o ano 2015, dos cales o Goberno galego asume case un 60% do investimento total.

Menéndez participou hoxe na inauguración do VII Enconcontro de Voluntariado do Proxecto Ríos, que tivo lugar no concello de Valga (Pontevedra). Neste encontro, unha representación dos voluntarios que prestan o seus servizos ao coidado dos ecosistemas fluviais a través do Proxecto Ríos intercambiaron experiencias e ampliaron os seus coñecementos sobre os ríos. A Xunta apoia esta iniciativa, organizada polo colectivo ecoloxista Adega, que pretende concienciar e sensibilizar sobre o valor nas nosas augas fluviais. O encontro reuniu a preto dun centenar dos máis de 2.000 participantes no programa, que quixeron poñer en común as súas experiencias logo da primeira inspección feita en primavera.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas financia o Proxecto Ríos coa achega de 50.000 euros á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), como entidade promotora do proxecto, polos gastos nos que incorra ao longo do ano.

O Proxecto Ríos é unha poderosa ferramenta de educación ambiental cun impacto salientable e encaixa coas liñas de traballo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O traballo dos voluntarios do Proxecto Ríos está baseado nas mesmas técnicas que se utilizan para avaliar o estado ecolóxico dos ríos nas redes de control de Augas de Galicia, “polo que é un traballo moi interesante e aproveitable, que por suposto servirá como indicador de seguimento social das medidas que o Plan Hidrolóxico Galicia Costa propón para conseguir un bo estado ecolóxico das augas para o ano 2015 ”, segundo destacou Francisco Menéndez.

Xeoportal web
Unha das novidades do convenio do Proxecto Ríos deste ano entre a Xunta e Adega é o desenvolvemento dunha ferramenta informática para apoiar o traballo dos voluntarios e darlle maior alcance. Trátase dunha aplicación web con soporte xeográfico para introducir os datos das inspeccións de tramos de ríos. O proxecto, que está a desenvolver a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, permite aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar a participación e interacción da cidadanía coa administración, a publicación de datos colaboradores e do coñecemento e protección sobre territorio. Os datos almacenaranse nunha base de datos espacial e poderán ser validados e analizados polos técnicos de Augas de Galicia e de Adega. As previsión actuais indican que o xeoportal (páxina web para ver datos sobre mapas) estará listo para comezar a recibir os datos dos voluntarios para a campaña de inspeccións do vindeiro outono.

Este desenvolvemento tecnolóxico permitirá difundir a información en forma de mapas accesibles na internet a toda a cidadanía o que supón unha posta en valor da información e do coidado dos nosos ríos. A ferramenta será liberada baixo unha licenza de “software libre” polo que Galicia achegará unha tecnoloxía de referencia para que outras administracións públicas a nivel estatal poidan sumarse, dado que o Proxecto Ríos se realiza noutras rexións de España.

Iniciativa de referencia
Durante o encontro leváronse a cabo dúas mesas redondas onde se falou das experiencias do proxecto de custodia fluvial Ulla-Umia-Lérez, por unha banda, e por outra banda, distintas asociacións e traballadores –incluída unha representación de Augas de Galicia- explicaron as súa experiencias no Proxecto Ríos. Ademais, o catedrático do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Adolfo Cordero falou sobre “As libeliñas como indicadoras de calidade do río” e, prevese que xa pola tarde, guíe un roteiro para a descuberta de libeliñas.

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de referencia na promoción e divulgación do desenvolvemento sostible dos ríos, tanto en Galicia como no resto do Estado, e non existen iniciativas ou experiencias semellantes tanto cualitativa como cuantitativamente. Trátase dunha iniciativa que pretende concienciar e educar a cidadanía na importancia na defensa dos ecosistemas dos ríos galegos.

Por outra banda, pretende espertar a curiosidade sobre a interrelación de aspectos naturais, culturais, históricos, sociais, económicos; e promover unha visión integrada da vila co entorno fluvial. Neste senso, o Proxecto Ríos pretende dar a coñecer o papel fundamental dos ríos e as problemáticas ambientais a eles asociadas, e achegar prácticas e comportamentos que permitan aos cidadáns o mantemento e, se é necesaria, a mellora dos cursos fluviais mediante dinámicas que fomenten a súa participación.

Exit mobile version