Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta subvencionará ata o 25% da póliza seguro marítimo obrigatorio

Nota de prensa:
A Xunta enviará esta semana ao DOG a orde de axudas que permitirá subvencionar ata o 25% da póliza seguro marítimo obrigatorio

A conselleira fixo fincapé en que se subvencionarán todas aquelas pólizas que cumpran as indicacións esixidas e “non a unha compañía en concreto”
A titular de Mar lamentou que dende a oposición se poña en tea de xuízo a madurez e a responsabilidade do sector pesqueiro galego
Rosa Quintana vinculou a responsabilidade do sector á cobertura aseguraticia e destacou que a experiencia práctica amosa que o sector está a atender convenientemente a necesidade de dispór dun seguro de responsabilidade civil

Santiago, 15 de xuño de 2011.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que “en breve” estará dispoñible para o sector a posibilidade das achegas que permitirán subvencionar ata o 25% da póliza do seguro marítimo obrigatorio. A conselleira informou de que a orde “será remitida mañá ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación”. A conselleira fixo fincapé en que se subvencionarán todas aquelas pólizas que cumpran as indicacións esixidas e “non a unha compañía en concreto”. Ademais lembrou que o seu departamento subvencionará a mesma porcentaxe no caso das pólizas destinadas á cobertura dos mariscadores a pé.

A titular de Mar insistiu en que o seu departamento se dedicará a “traballar polo sector, fomentando a subscrición de pólizas que cubran a obriga legal de dispór de seguro de responsabilidade civil”. Neste sentido, lamentou que dende a oposición se poña en tea de xuízo a madurez e a responsabilidade do sector pesqueiro galego. “Nós cremos nesa maioría de idade e na responsabilidade do sector e dos seus membros”, subliñou, por iso “sabemos que o sector está a atender convenientemente a necesidade de dispór dun seguro de responsabilidade civil” e así o reflicte a experiencia práctica. Isto, segundo dixo da oposición, “desbota a súa tese de falla de cobertura xeneralizada”, xa que “os mariñeiros galegos saben facer valer a súa capacidade para garantir ese seguro ou outros semellantes”.

Desta capacidade do sector para xestionar os seus propios intereses, Rosa Quintana, destacou que así non é necesario tutelar a aqueles mariñeiros galegos que navegan en buques de capital estranxeiro, e que saben ben cales son os seus dereitos e necesidades. Respecto dos cobros en casos de morte ou invalidez , a conselleira aclarou desmentindo á oposición, que os “mariñeiros sempre cobrarían as cantidades das indemnizacións mediante unha reclamación xudicial”.

O seguro de responsabilidade civil
A conselleira do Mar lembrou que foron “a eficacia e eficiencia os motivos que nos levaron a non considerar a continuidade do seguro colectivo”, xa que segundo explicou, non era acorde con estes principios “destinar 1,2 millóns de euros para non achegar nada a maiores ao sector”. Neste sentido, lembrou que o seguro colectivo “nin sequera cubría as necesidades e obrigas legais de dispoñer dunha cobertura aseguraticia para os barcos e mariñeiros”, o que, “podía deixar na ruína aos armadores e desprotexidos aos tripulantes”.

Pola contra, lembrou que a nova fórmula aseguraticia si se axeita á obrigatoriedade establecida polo bipartito na Lei de Pesca e ás características da frota galega e do seu traballo e ademais, engadiu, permite litigar en Galicia. A conselleira tamén lembrou que deste xeito se evita a saída cara ao estranxeiro de máis de 5 millóns de euros anuais en primas e sitúase a Galicia nas primeiras potencias marítimo – pesqueiras europeas neste ámbito.

Exit mobile version