Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición para o curso de Educación Infantil da Mariña que se organiza en Ribadeo

Nota de prensa:

ATA O 22 DE XUÑO ESTARÁ ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO V CURSO TEMÁTICO DE VERÁN SOBRE EDUCACIÓN INFANTIL DA MARIÑA, QUE ORGANIZAN O IES DIONISIO GAMALLO FIERROS, A UNIVERSIDADE DA CORUÑA E O CONCELLO DE RIBADEO. A MÚSICA SERÁ A PROTAGONISTA DESTA EDICIÓN QUE TERÁ LUGAR OS DÍAS 25 E 26 DESTE MES.

Ribadeo, 2 de xuño de 2011. Ata o 22 de xuño estará aberto o prazo de inscrición no V Curso Temático de Verán sobre Educación Infantil da Mariña, que organizan o IES Dionisio Gamallo Fierros, a Universidade da Coruña e o Concello de Ribadeo. O curso titulado Educar a través do ritmo e a música na escola infantil terá lugar dos días 25 e 26 de xuño no Cine Teatro de Ribadeo.

Na presentación que tivo lugar este mediodía no salón de plenos do Concello o alcalde, Fernando Suárez, lembrou “a grande acollida que tiveron as anteriores edicións do curso con máis de 100 persoas matriculadas” e sinalou que “se trata dun intercambio de boas prácticas entre os profesionais do ensino infantil”. Manuel Yáñez, director do IES Dioniosio Gamallo Fierros, amosou a súa satisfacción “polos cinco anos de colaboración entre o Concello, o noso centro e a Universidade da Coruña para organizar este curso, que chega á súa quinta edición, e agardo que continuemos con este tipo de colaboración no futuro”. Yáñez destacou que “nesta ocasión abordaremos un tema importante como é a música, unha linguaxe universal, e as súas aplicacións no ensino cos nenos de 0 a 3 e de 3 a 6 anos”. Pola súa banda o director do curso, Xesús Ferreiro, subliñou as novidades deste 2011 que pasan pola celebración do curso no Cine Teatro de Ribadeo “debido ás obras que se están acometendo no IES Dionisio Gamallo Fierros. Aumentamos as prazas, xa que en edicións anteriores contabamos cunhas 111 persoas e había xente que quedaba fora, entón este ano son 125 as prazas que ofertamos. O prezo da matrícula para o público xeral baixa un pouco e sitúase nos 20 euros”. A matrícula deberá formalizarse na secretaría virtual da Universidade da Coruña.

O V Curso Temático de Verán sobre Educación Infantil da Mariña contará o 25 de xuño con cinco relatorios didácticos que correrán a cargo de Fernando Marta Sevilla, de Gloria Mosquera Real (membro de grupo musical Mamá Cabra), de Susana Herrera Ruíz e de Tomás Rábanos Muro. E xa o domingo 26 de xuño será o momento para escoitar a Mini e Mero e a Inma Hernán López. Ao longo das dúas xornadas abordaránse aspectos como a implicación das familias na educación infantil de 0 a 3 anos a través da música; cantar e contar para os máis pequenos: a voz como instrumento básico; a formación musical de profesionais da educación infantil na universidade; cóntame un conto cantado e a danza e a música como recursos para educar no ciclo de 3 a 6 anos.

O evento foi presentado hoxe polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a concelleira de Muller, Educación e Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, o director do IES Dioniosio Gamallo Fierros Manuel Yáñez e polo director do curso Xesús Ferreiro.

Exit mobile version