Site icon Crónica3.com A Mariña

Agora a traballar

Precedidas de campañas e propagandas de discutible utilidade, pasaron as eleccións, o nervioso reconto dos votos e os miles de comentarios sobre os resultados. Xa pasamos a fase de pactos e componendas para conseguir maiorías de goberno, xa quedaron fai uns días constituídas as corporacións municipais que haberán de rexer a vida cidadá por catro anos, e dentro de nada a deputación, en cuxo momento terían que cesar as loitas e confrontacións e poñerse todos a traballar, desde o goberno ou desde a oposición, pois para iso foron elixidos.

Ser investidos para un cargo é asumir a obrigación de servir á totalidade dos cidadáns do municipio, provincia ou autonomía, sen distinguir entre os dun partido ou outro, os que votaron ou os que non votaron e servilos con honradez, sen favoritismos nin discriminacións, con economía e transparencia.

Todos, maioría de goberno e oposición, teñen a ineludible obrigación de tomar decisións en interese de todos e nunca en beneficio de amigos, parentes ou compañeiros de partido. Calquera iniciativa, tanto do goberno como da oposición, debe ser considerada, estudada, debatida, sen rexeitala de antemán por ser formulada polos do partido contrario.

Nunca poden esquecer que non son propietarios senón administradores do diñeiro que reciben dos contribuíntes e que han de utilizalo con economía e absoluta transparencia. Non é admisible que os elixidos para servir ao pobo, vivan a costa do mesmo por encima do nivel medio dos demais.

No control do gasto a oposición ten un papel esencial e debe ter aberto sempre o acceso a toda a documentación económica sobre contratacións e gastos. A execución do orzamento e as contas de ingresos e gastos municipais, provinciais ou autonómicos, deberían ser publicadas cada mes para xeral coñecemento.

Hai gobernantes que resultan elixidos unha e outra vez, o cal pode ser o recoñecemento da súa valía ou o apego ao cargo sostido por unha rede clientelar. Para evitar calquera sospeita destas situacións sería convinte que ninguén puidese exercer un cargo máis de dúas lexislaturas, aínda que podería volver presentarse pasadas outras dúas.

Servir aos cidadáns esixe reducir ao mínimo as normas a impor, pero unha vez determinada a súa necesidade, facelas cumprir sen excepcións.

Aínda no mellor dos mundos posibles sempre haberá descontentos e críticas dos cidadáns cara aos seus gobernantes. Están no seu dereito de facelas e os criticados deberán examinalas con atención e rectificar cando cumpra.

Creo que todo isto pódese levar á práctica se hai o desexo de facer as cousas ben sen necesidade de grandes cambios legais. Se, pola contra, existe realmente unha caste política parasitaria, disposta a gozar do poder, enriquecerse e favorecer aos amigos, parentes e partidarios, sería a sociedade enteira a que tería que desaloxala de tódolos ámbitos de poder e non sería fácil.

Quizais a crise que padecemos nos axude a ver as cousas máis claras. algde mostrar indignación contra o sistema, hai que traballar cada día para que evitar que se afunda e nos arrastre a todos.

Otero Regal

Exit mobile version