Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos e alumnas do IES Perdouro de Burela participaron nun obradoiro de cociña “de supervivencia”

REMATE DE CURSO CON MOITO GUSTO…

Once alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato do IES Perdouro participaron os pasados días 29 e 30 de Xuño nun obradoiro de cociña “de supervivencia” organizado por María López, profesora de Bioloxía,  e que se levou a cabo no local das Amas de casa de Burela.

O mércores prepararon tres distintos acompañamentos para a tan socorrida pasta: salsa pesto, salsa putanesca e salsa de tona e brócoli; ademais dun postre a base de froitas. Onte probaron con sabores de máis lonxe: Curry vexetariano con acompañamento de arroz e cuscús, rematado cun xeado rápido de banana.

O obxectivo era coñecer algunhas receitas básicas, saudables e sinxelas que logo poñer en práctica na futura vida de emancipados e emancipadas, ademais de falar da correcta distribución dos alimentos na nosa dieta.

As xornadas resultaron satisfactorias para ambas partes: o alumnado destaca o saboroso dos platos mentres que a profesora alaba o seu bon facer na cociña, aínda que todos están de acordo en que ven difícil que se acabe o transporte de “tuppers” da casa tan propio da etapa universitaria.

Exit mobile version