Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Seijas, embaixador

A pasada semana (4.06.011) viaxaron a Palma de Mallorca unha vintena de membros da Asociación Cultural O Mundo de Galea: o obxetivo era, a mais duns días de vagar – moi poucos- celebrar na turística e cosmopolita cidade de Palma un capítulo extraordinario da Orde do Mariscal Pardo de Cela, onde a mesma conta con algúns membros: Antonio Seijas, o valadourense propietario e director do Hotel Cristóbal Colón, no seu día investido como Cabaleiro, e Anxel Reigosa, expresidente da Audiencia Territorial balear, que hai algún tempo foi nomeado, pendente da investidura que, por problemas coa saúde, non puido achegarse á súa terra para recibir os atributos ós que a dignidade de Cabaleiro o fai acreedor.Varias persoas acompañaron ós desprazados, en entrañable acto celebrado nas dependencias do hotel, entre as que se atopaban a presidenta do Centro Galego de Palma de Mallorca, Mari Carme González, oriunda das terras ubérrimas da Ribeira Sacra, e o seu marido, así como o focego Sergio Alonso Oroza, prestixioso profesor da Universidade balear. Trala cea, e de diversas intervencións, procedeuse ó intercambio de agasallos entre o Centro Galego, co que se estreitaron os lazos de relación, a Peña Gastronómica Valle de Oro (por certo, a mais antiga de Palma, cunha existencia superior ós trinta anos e que dende entón cada venres se reúnen para xantar), o Hotel Cristóbal Colón e a Asociación Cultural O Mundo de Galea. É de xustiza subliñar a personalidade de Antonio Seijas (Toni Seijas) como agarimosamente chaman os 50 empregados do hotel e as xentes mais diversas da cidade, na que é sobrasaínte a súa modestia e o caràcter xeneroso e hospitalario, así como o acendrado espíritu de amor ó terruño natal e ás súas xentes. Por tales condicións, e a honra que para a nosa bisbarra significa o persoeiro, alguén suxiriu que, mesmo de xeito simbólico, fose nomeado, coa súa dona, Miluca, plenamente identificada con tales sentimentos, Embaixadores das terras da Ruta Pardo de Cela naquela illa; todo se andará.

14.06.011

Suso Fernández

Exit mobile version