Site icon Crónica3.com A Mariña

Belda impúxose en Riotorto e faise coa IV Volta ciclista ás comarcas de Lugo

Nota de prensa

JOSE BELDA IMPONSE EN RIOTORTO E FAISE COA IV VOLTA CICLISTA ÁS COMARCAS DE LUGO

O corredor do Asfaltos Guerola-Valencia Terra i mar gañou a IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo tras entrar na meta de Riotorto no grupo de escapados cunha vantaxe de 42 segundos sobre os perseguidores

Sergey Belykh, do Lokomotiv, foi o segundo na clasificación xeral, e ademais gañou nas clasificacións individuais de Sub-23 e de montaña, e máis a xeral por equipos

LUGO, 6 de maio de 2011. O corredor do Asfaltos Guerola-Valencia Terra i Mar, José Belda Mira, é o gañador da IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo, que recibiu o maillot azul e branco da Área de Deportes da Deputación da man do deputado nacionalista, Antonio Veiga, tras entrar na meta de Riotorto no grupo de corredores escapados, na etapa que venceu ao sprint Antonio Olmo. Na clasificación xeral individual completaron o podio na segunda posición o corredor ruso do Lokomotiv, Sergey Belykh, que ademais gañou a clasificación dos Sub-23 e a clasificación da Montaña, e en terceiro lugar da clasificación xeral individual colocouse Raúl García de Mateos, do Froiz.

A clasificación xeral por equipos tivo un dominador, o equipo ruso do Lokomotiv, que desde a primeira etapa conseguiu situar aos seus corredores en postos de privilexio para rematar acadando o primeiro posto da clasificación xeral por equipos, disputándolla de preto ao Caja Rural, e onde o equipo galego do Supermercados Froiz acadou un meritorio 3º posto, completando o podio.

Por outra banda, hai que salientar que na clasificación individual para o premio aos corredores galegos impúxose Aser Estévez, do equipo galego Froiz, que superou con claridade aos seus rivais para manterse na cabeza da proba entre os corredores do país galego. Na clasificación individual por puntos, que premia a regularidade, o vencedor foi Micael Isidoro, do Loulé portugués, mentres que o triunfo nas metas voantes foi para Daniel Omar Juárez, do Construcciones Paulino de Asturias.

Afeccionados, ciclistas, persoal dos equipos participantes e responsábeis de medios de comunicación quixeron trasladar os seus parabéns á organización polos magníficos resultados que acadou a proba, que se vai consolidando e gañando relevancia como unha proba xa importante en Galiza e no Estado. Neste camiño encomiaron o traballo da Vicepresidencia Primeira da Deputación, que dirixe o nacionalista Antón Bao,  ao que emprazaron a seguir traballando do xeito en que o está a facer para achegar un deporte coma o ciclismo ás comarcas lucenses a través de probas tan exitosas coma esta IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo.

CLASIFICACIÓN XERAL FINAL
1º- Jose Belda Mira (Asfaltos Guerola-Valencia)    09:95:46
2º- Sergey Belikh  (Lokomotiv)              a 23 seg.
3º- Raúl García de Mateos (Froiz)    a 42 seg.
4º- Antonio Olmo Menacho (Loulé)    a 02:20
5º- Micael Isidoro (Loulé)                a 02:26

Exit mobile version