Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela prepárase para vivir os días grandes das súas festas patronais

Nota de prensa:
BURELA PREPÁRASE PARA VIVIR OS DÍAS GRANDES DAS SÚAS FESTAS PATRONAIS. MAÑÁ TERÁ LUGAR O CONCERTO DE ANDY Y LUCAS, O SÁBADO VECIÑOS Y VISITANTES DISFRUTARÁN COA ALFOMBRA FLORAL E O DOMINGO CELEBRARASE A PROCESIÓN MARÍTIMA.

Burela, 2 de xuño de 2011. Burela prepárase para vivir os días grandes das súas festas patronais. Hoxe hai karaoke, mañá terá lugar o concerto de Andy y Lucas, o sábado veciños e visitantes disfrutarán coa alfombra floral e o domingo celebrarase a procesión marítima. Os festexos, que comezaron a semana pasada, rematarán o vindeiro martes coa ofrenda floral aos náufragos.

A concelleira de Cultura, Neves Cando, manifestou que “retomamos agora as festas despois do pequeno parón durante a semana. Hoxe xoves a partires das nove e media da noite haberá outro dos actos máis multitudinarios das festas que é o karaoke que se desenvolve no auditorio da Casa da Cultura e xa o venres comeza a fin de semana grande das festas e fáino coas verbenas, a actuación de Andy y Lucas e despois o sábado é o día da grande alfombra flora. Durante toda a xornada o pobo de Burela se volca na confección desta alfombra que, desde a igrexa parroquial ata o porto, engalana as nosas rúas, un traballo que se ven desenvolvendo desde hai máis dun mes por centos e centos de persoas e que culmina ese día con esa maravilla que atrae a visitantes de toda a comarca e de moitos puntos da provincia, porque é unha delicia vela”. A edil nacionalista contou que “o sábado haberá tamén música e pasarrúas por Burela durante todo o día e ás seis da tarde haberá un concerto da Banda de Música de Burela acompañada da Banda de Guitiriz e xa rematamos o día co procesión de baixada da imaxe ao porto, que congrega a todo o pobo, a visitantes e tamén vai acompañada dos grupos de música e baile de Burela máis os que nos acompañaron durante toda a xornada nos distintos pasarrúas e concertos”.

Cando engadiu que “o domingo é o día da procesión marítima, é o día das grandes verbenas e é un pouco o remate das festas para os visitantes porque aos veciños de Burela aínda nos queda o luns que é o día máis tranquilo (festivo local), o día de disfrutar para nós coas festas. A xornada comeza coa procesión de subida das imaxes cara a igrexa parroquial e remata coas verbenas de pola noite. E o martes día 7 de xuño ás 12 da mañá faremos a tradicional ofrenda floral no porto polos nosos náufragos”.

Balance

A concelleira de Cultura aproveitou para facer balance dos actos das festas desenvolvidos a pasada fin de semana, “como a inauguración da exposición de fotos que, sobre a historia de Burela, organizou a asociación de veciños das Casas Baratas. O mesmo xoves tivemos o concerto da Coral Polifónica de Burela e o Coro de Maiores do Conservatorio de Viveiro, o venres houbo a festa de Cabo Verde e a misa na honra da Virxe do Carme e a baixada da imaxe desde a igrexa de Vila do Medio ata a parroquial. O sábado foi o día da inauguración oficial das festas co pregón a cargo de Emilia García López, onde fixo unha loubanza de Burela como pobo de acollida, como resultado de moitas xentes vidas de moitos puntos e que deron lugar ao que Burela é hoxe e ao que representa o porto para o noso pobo. Despois houbo concerto de Roi Casal, un espectáculo maravilloso de música e canción e a primeira verbena”.

Neves Cando lembrou que “o pasado domingo, a parte de ser o día infantil no que tivemos algún que outro problema coa metereoloxía, durante a tarde e pola mañá desenvolvéuse o primeiro día do traxe galego, unha iniciativa que xurdiu para potenciar, exaltar e dar a coñecer o noso traxe máis tradicional. Ademáis da concentración de xente vestida con estes traxes que tivo lugar na praza do Concello, onde máis de 100 persoas luciron os seus mellores traxes, pola tarde a partires das seis houbo un desfile na Casa da Cultura no que puidemos ver 52 traxes de distintas procedencias e variedades, que foron debidamente comentados e explicados, un acto que reuniu a unha chea de persoas que disfrutamos desas maravillosas pezas que constitúen os nosos traxes”.

Exit mobile version