Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo contará con 17 persoas no equipo de socorrismo en praias e piscinas

Nota de prensa

CERVO ACTIVA DENDE MAÑÁ O DISPOSITIVO DE SOCORRISMO EN PRAIAS E PISCINAS MUNICIPAIS COA INCORPORACIÓN DE DEZ TRABALLADORES QUE SE UNIRÁN AOS 7 QUE XA ESTABAN EN ACTIVO

Cervo, 17 de xuño de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe a incorporación de dez socorristas para reforzar o dispositivo de salvamento en praias e instalacións acuáticas municipais durante esta época de verán.

Segundo indicou o rexedor, estes dez novos socorristas uniranse aos 7 que xa tiña contratado o Concello. “Con estas 17 persoas queremos darlle prioridade a algo que é fundamental para o grupo de Goberno de Cervo, como é a seguridade de tódolos bañistas que acudan durante este verán ás praias do noso municipio e tamén ás instalacións da piscina ao aire libre do complexo deportivo de Río Cobo” indicou. Neste sentido o rexedor anunciou que as dependencias de Río Cobo poderán ser utilizadas por todos os veciños a partir de mañá, data da súa apertura estival.

O Concello de Cervo pon en marcha anualmente por estas datas o Plan de Actuación en Praias Municipal que anualmente vén desenvolvendo nas praias do termo municipal e nas instalacións de Río Cobo marcado dentro do Plan Sapraga. Neste sentido cumpre salientar a labor feita neste eido polo Concello nos últimos anos, xa que Cervo foi pioneiro na activación e elaboración do seu propio Plan de Actuación Municipal de Salvamento en praias, cuxa redacción se fixo no ano 2006.

Exit mobile version