Site icon Crónica3.com A Mariña

David Cal compartiu ilusións cos alumnos do IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao

Nota de prensa:
DAVID CAL COMPARTE UNHA XORNADA COS ALUMNOS DO IES MARQUÉS DE SARGADELOS DE SAN CIPRIÁN

Cervo, 17 de xuño de 2011.- O piragüista e medallista galego, David Cal, visitou este mediodía aos alumnos do instituto de ensinanza secundaria Marqués de Sargadelos de San Ciprián. O canoísta natural de Cangas do Morrazo fixo un alto na súa preparación para os Xogos Olímpicos de Londres 2012 que está a desenvolver por segundo ano consecutivo no embalse de Rio Cobo para compartir uns momentos cos rapaces e rapazas deste centro educativo e para dar a coñecer o deporte do piragüismo entre os mozos do municipio.

Na xuntanza os rapaces interesáronse polos distintos aspectos da vida cotiá dun deportista de elite coma é Cal e da súa preparación específica para Londres 2012. Os mozos tamén aproveitaron a oportunidade para solicitarlle autógrafos ao atleta galego.

Durante o acto, Cal estivo acompañado polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e polos concelleiros do grupo de Goberno local, Begoña Alonso e José Ramón Soto; ademais do seu adestrador, do equipo directivo do centro educativo e do responsable do departamento de Educación Física do IES Marqués de Sargadelos, Xosé Manuel Rubal.

Durante a presentación deste encontro, o alcalde cervense salientou a importancia que supón “ter novamente entre nós ao mellor atleta olímpico de Galicia e de España. Por iso, dende o Concello propuxémoslle a David (Cal) que mantivera este tipo de encontros cos máis novos, porque somos conscientes da importancia que supón a práctica do deporte na formación dos rapaces”. Ao fío disto, Villares adiantou que Cal realizará o vindeiro luns, día 20, un encontro semellante ao de hoxe no CEIP de Cervo. O acto está previsto que comece ás 12.00 do mediodía.

Exit mobile version