Site icon Crónica3.com A Mariña

No reparto de dedicacións no Concello de Cervo asignanlle 930 euros mensuais a unha candidata non electa

Nota de prensa:
Crearase a figura de persoal eventual de apoio ás políticas sociais

O CONCELLO DE CERVO TERÁ UNHA ADICACIÓN EXCLUSIVA E TRES PARCIAIS

O gasto bruto anual ascenderá a 76.520 euros

Cervo, 17 de xuño de 2011.- O equipo de goberno cervense que preside o popular Alfonso Villares adoptará a vindeira semana en sesión plenaria unha serie de acordos para fixar o organigrama de goberno do Concello para os vindeiros catro anos que se deu a coñecer fai uns días, así como as contías das adicacións exclusivas e tamén as asignacións económicas aos grupos políticos.

O rexedor local adiantou que a proposta da alcaldía recolle as seguintes adicacións:

1 adicación exclusiva para o alcalde, Alfonso Villares, cunha contía mensual neta de 2.100 euros.

1 adicación parcial de 600 euros/mes netos para a delegada de Medio Ambiente, Begoña Alonso.

2 adicacións parciais de 420 €/mes netos para os concelleiros Pilar Álvarez e José Ramón Soto (responsables de Xuventude e Deportes respectivamente).

A maiores, o grupo de Goberno local establecerá unha nova figura, a de persoal eventual de apoio ás políticas sociais, que recaerá na persoa de Pilar Armada Carrete. Este posto terá unha asignación económica de 930 euros netos ao mes. Así, o gasto bruto anual destas adicacións e do novo persoal eventual ascenderá a 76.520 euros,

No que se refire ás asignacións dos distintos órganos colexiados, Villares indicou que nin el, nin o primeiro tenente de alcalde (José Manuel Balseiro), cobrarán pola súa asistencia ás comisións de Goberno, mentres que os outros dous integrantes deste órgano de Goberno local percibirán 150 euros. Villares contou tamén que se establecerán dúas reunións mensuais do devandito organismo.

Por outra banda, o cobro pola asistencia a Pleno será de 20 euros para cada un dos concelleiros; mentres que a asignación aos grupos políticos virá establecida cun componente fixo de 10 euros trimestrais por cada un dos tres grupos e un variable en función do seu número de membros de 100 euros por concelleiro.

O rexedor local sinalou que con esta distribución económica pretenden levar adiante “aínda máis traballo do que fixemos nos últimos catro anos para o conxunto da cidadanía” e puntualizou que, se ben o montante total das asignacións a tarefas de Goberno sobe ao redor dun 7% con respecto ás dúas últimas anualidades, “hai que ter en conta tamén que o noso grupo ten un concelleiro máis e, aínda así, o gasto que isto supón segue a ser moi inferior aos 102.412 euros anuais que estableceramos hai catro anos, no arranque da anterior lexislatura”.

Exit mobile version