Site icon Crónica3.com A Mariña

Expoñen “Elas fan camiño. Mulleres de Galicia”, sobre peregrinas, na Casa da Cultura de Burela

Nota de prensa

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN

“ Elas fan camiño” Mulleres en Galicia

A Delegación Municipal de Cultura inaugurará a exposición “Elas fan camiño” o vindeiro mércores, 1 de xuño, na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela.

A exposición rende homenaxe ás mulleres peregrinas e a todas aquelas que participaron na conservación e na promoción do Camiño de Santiago ao longo da historia.

A mostra, lembra o papel que desde o principio da peregrinación en Galicia, a través dos camiños a Santiago, xogaron moitas mulleres, tanto mulleres coñecidas e famosas-raíñas, santas-como mulleres anónimas que chegaron ata Santiago percorrendo con dificultades os camiños para pregar ante o Apóstolo.

As mulleres peregrinaron dende moi cedo aos lugares mais afastados e relevantes do cristianismo, e tamén foron protagonistas na creación e mantemento dos camiños e rutas de peregrinación, verdadeiras canles de circulación da cultura e dos progresos técnicos e socioculturais europeos durante séculos.

A mostra fai un percorrido desde as mulleres que fixeron camiño ata as que o fan hoxe en día.

Son moitos os exemplos de mulleres peregrinas que a exposición presenta, desde Exeria, a primeira peregrina galega, que fixo unha extraordinaria viaxe a Xerusalén e Terra Santa no século IV, deixándonos unha preciosa testemuña das súas vivencias, ata as peregrinas de hoxe, que viven o camiño como unha experiencia inesquecible de atoparse consigo mesmas. Desde a condesa dona Egilo, esposa do conde Gatón, que fundou o hospital no lugar que hoxe leva o seu nome, Hospital da Condesa, ata as mulleres que desde as responsabilidades de goberno nos seus concellos promoven e favorecen o paso dos peregrinos polo seu municipio, tal e como recolle a mostra co exemplo da alcaldesa de Betanzos, María Faraldo.

A exposición dividise en tres eixos. Unha primeira parte, “Elas fixeron camiño”, nos retrotrae á longa tradición das rutas de peregrinación e a presenza das mulleres nelas dende diferentes perspectivas. Aquí podemos coñecer a Egeria, a primeira peregrina galega coñecida, a algunhas das hospitaleiras, as protectoras do camiño, etc…

A segunda sección, “Elas marcaron o camiño”, mostra a importancia da espiritualidade na tradición xacobea, vínculo entre o pasado e o presente, a través da devoción feminina e a estendida presenza do culto mariano no Camiño.

Nesta parte da mostra reflíctese a importancia do culto mariano nas rutas Xacobeas en Galicia e as diversas virxes peregrinas galegas, como a de Pontevedra ou a de Bertamiráns.

A última parte da exposición, “Elas fan Camiño”; céntrase no camiño de Santiago actual, onde o protagonismo das mulleres é indiscutible. Son protagonistas mulleres con nome e apelido escollidas segundo a súa implicación e funcións ao longo das rutas galegas a Santiago, que forman parte esencial dos camiños a Compostela, non só como peregrinos, senón tamén co seu silencioso facer cotián. Apoian as peregrinas e peregrinos dende diferentes ámbitos: servizos sociais e humanitarios, administración, atención das infraestruturas, manutención e organización, dan ánimos e infunden ilusións nas camiñantes decaídas ou desfalecidas polas duras e longas xornadas da ruta.

“Elas fan camiño” poderá visitarse, na Sala de Arte da Casa da Cultura,

Do 1 ao 13 de xuño, de luns a venres de 11 a 13 horas e de 18 a 20 horas ás tardes. Os sábados de 18 a 20 horas.

Exit mobile version