Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación presentou o organigrama de goberno da entidade provincial

Nota de prensa:
Besteiro presenta o organigrama de goberno no que a formación e os perfís dos Deputados definen a asignación das competencias

– Lara Méndez, Juan José Díaz Valiño, Pilar García Porto, Miguel Ángel Sotuela, Regina Polín e Manuel Martínez serán os Deputados Delegados das 6 áreas que xestionará o PSOE e Mario Outeiro e Antonio Veiga as do BNG

– O Presidente mantén o seu compromiso de reducir custes de asesores políticos, que se verá materializado no Pleno de organización da vindeira semana

– É a Corporación coa maior presenza feminina da historia da Deputación con 5 mulleres, das que 4 son do PSOE fronte a 1 do PP

– O equipo de goberno aposta por “unha persoa, un cargo”, polo que suma 10 Concelleiros e 3 Alcaldes, fronte ós 8 rexedores e 4 edís do grupo da oposición

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves o novo organigrama de goberno e deu conta dos Deputados que xestionarán as diferentes áreas do organismo provincial durante os próximos catros anos. Gómez Besteiro subliñou que o perfil e a formación dos membros do equipo de goberno foron elementos clave na asignación das súas competencias. Tal e como explicou, cúmprense así os prazos fixados dende a celebración do Pleno de investidura da nova Corporación: “primeiro foi a toma de posesión e peche do pacto político; segundo, o deseño e presentación do programa de goberno para este mandato; terceiro, a configuración do organigrama e a celebración do Pleno de organización a vindeira semana”.

A renovación das áreas e do goberno é notable. É a Corporación con maior presenza feminina da historia da Deputación con 5 mulleres, das que 4 son do PSOE fronte a 1 do PP. Con respecto ó número de cargos suma 10 Concelleiros e 3 Alcaldes, fronte ós 8 rexedores e 4 edís da oposición. “Facemos un avance no senso de seguir coas liñas do Partido Socialista que é unha persoa, un cargo e na redución das persoas que son rexedores no senso da Deputación”. Asimesmo, Gómez Besteiro, quen tamén anunciou que onte mesmo asinou os decretos cos nomeamentos dos Vicepresidentes, confirmou o seu compromiso de reducir os custes de asesores políticos, que se verá materializado a vindeira semana cando se celebre o Pleno, e que se producirá 15 días antes que no anterior mandato.

Asignación de competencias

O novo goberno continuará desenvolvendo as políticas iniciadas no anterior mandato, pero dando resposta con novas áreas ós actuais retos que afronta a provincia. As áreas non aumentan con respecto a 2007, seguen sendo 8 -6 do PSOE e 2 do BNG-, pero inclúen destacadas innovacións. As competencias son as seguintes:

1.- Emprego, Economía Sostible e Demografía. A Deputada delegada desta “macro área” será Lara Méndez. Gómez Besteiro destacou que “valoro a súa experiencia e boa xestión como Vicepresidenta Segunda no anterior mandato, cunha brilante e excelente execución de programas europeos, e que estou seguro que repetirá nesta etapa, coa posta en marcha das primeiras subvencións na Deputación para financiar o gasto corrente dos autónomos, etc, e a súa formación como Enxeñeira Agrónoma son claves para coordinar esta área”, que se divide en:

a) Medio Ambiente e Enerxías renovables: Sonsoles Izquierdo será a Deputada responsable. Esta enxeñeira medioambiental de ampla formación xestionará un asunto tan importante para esta provincia como é o medio ambiente, xa que para Lugo representa unha oportunidade económica de primeira magnitude. Por exemplo, inclúense programas como a comercialización de productos autóctonos ou a Axencia Provincial da Enerxía, constituída ó final do anterior mandato.

b) Economía do coñecemento, emprendedores e innovación recaerá no Deputado José Ramón Val Alonso. A súa experiencia ocupando postos importantes como o de Delegado Territorial de Pesca da Xunta de Galicia ata 2009 e a súa especialización en I+D+I fan del unha persoa que saberá xestionar asuntos estratéxicos para a Deputación como seguir implantando a administración electrónica ou a dirección do centro de Innovación Social -situado na 2ª pranta da Escola de Imaxe e Son, que combina benestar e novas tecnoloxías-, e a Oficina de Asesoramento ós Emprendedores dentro do programa europeo Innova-TE, etc).

c) Economía Rural e do Mar, recae no Deputado José Fernández, quen xa desempeñou o cargo de Deputado de Medio Ambiente ata o de agora na Deputación e ten unha ampla experiencia como Alcalde de Navia de Suarna, acadando a maioría absoluta nas dúas últimas lexislaturas.

2ª.- Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos. Columna vertebral do traballo da Deputación. O Deputado delegado será Juan José Díaz Valiño, “outro Alcalde e municipalista convencido, polo que serán un bo interlocutor no mundo da cooperación e rendirá moito nesta área”.

3ª.- Economía, Recadación e Facenda. A Deputada Delegada será Pilar García Porto, que tamén ocupará o posto de vicevoceira do Partido Socialista. A pesar da súa xuventude, Pilar é unha desas Deputadas cun currículum profesional e empresarial notable e ademais publicamente recoñecido. Por exemplo: as mulleres empresarias confiaron nela para ser a súa vicepresidenta a nivel provincial e tamén exerceu importantes cargos no ámbito galego.

4ª.- Goberno interior. Como experimentado sindicalista e ademais Alcalde de longa traxectoria, o Deputado que xestionará esta área, na que Formación tamén ocupará un capítulo importante, será Miguel Ángel Sotuela.

5ª.- Xestión Territorial. Tal e como sinalou o Presidente, esta área terá unha gran parte que será asumida tamén por Cooperación. O Deputado Delegado será Manuel Martínez, quen desempeñará tamén o cargo de voceiro do equipo de goberno. Martínez xa se ocupou desta área no anterior mandato, facendo un excelente traballo na xestión da mellora da rede viaria provincial e buscando fórmulas que aforraron contiosos custes ós Concellos.

6ª.- Deseño e Artesanía (CENTRAD). A Deputada Delegada será Regina Polín. “Queremos darlle un gran impulso a este sector e a mellor persoa é Regina, sobre todo pola habilidade especial que tem para implicar ós colectivos sociais. Coa súa capacidade de traballo vaille dar un novo aire ó Centro de Artesanía e Deseño”.

Áreas do BNG, tal e como o anunciou o Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, o pasado sábado:

7ª.- Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, será xestionada por Mario Outeiro.

8ª.- Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mociedade. Será xestionada por Antonio Veiga.

Xunta de Goberno

Segundo esta distribución, Gómez Besteiro tamén anunciou que a Xunta de Goberno estará formada polo Presidente, os Vicepresidentes Primeiro, Antonio Veiga, e Segundo, Lara Méndez, e polos Delegados de cada área: Juan José Díaz Valiño, Pilar García Porto –estes dous estréanse nesta faceta-, Miguel Angel Sotuela, Manuel Martínez, Regina Polín e Mario Outeiro.

Exit mobile version