Nota de prensa:
GONZÁLEZ BARCIA MANTERÁ NOVOS ENCONTROS CON OTEA PARA SEGUIR AFONDANDO NA ELABORACIÓN DO PXOM AÍNDA QUE, SEGUNDO DIXO, HABERÁ QUE TER EN CONTA OS INFORMES EMITIDOS POR OUTRAS ADMINISTRACIÓNS.
Burela, 28 de xuño de 2011. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, manterá a vindeira semana novas xuntanzas coa empresa redactora do PXOM, Otea, para seguir afondando na elaboración deste documento aínda que, segundo engadiu, haberá que ter en conta os informes emitidos por outras administracións.
O rexedor confirmou que “hoxe tivemos a primeira reunión co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal, co equipo de OTEA, para coñecer a situación na que se atopa a tramitación do plan xeral de Burela. Nós tivemos pouca participación por non decir ningunha durante os traballos previos e hoxe o encontro servíunos para coñecer un pouco máis polo miudo a situación actual do PXOM”.
González Barcia sinalou que “hai un documento que nos pode servir como avance e que podería servir para unha aprobación inicial, pero atendendo a que hai emitidos varios informes que debemos que ter en conta. Un deles, quizáis o máis importante, é o elaborado polo Ministerio de Fomento sobre a afectación da actual variante e sobre o trazado dunha hipotética e futura vía Barreiros-San Ciprián. Nese sentido é moi probable que nos próximos días manteñamos unha reunión con resposables do departamento de Estradas do Estado en Galicia, previsiblemente en Lugo, co fin de buscar fórmulas alternativas para superar eses escollos que presenta Fomento”.
O alcalde de Burela explicou que “por outra banda tamén estivemos analizando o informe emitido pola Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta e neste caso parece que hai algún atranco menos. Nas vindeiras semanas seguiremos a traballar co personal de OTEA para limar punto por punto aquelas suxerencias ou alegacións que se nos teñen feito nos distintos informes, de forma que cando cheguemos a esas reunións levemos unhas propostas o suficientemente coherentes e fundamentadas para poder sacar adiante un documento que para nós é fundamental para o desenvolvemento do concello de Burela nos próximos anos”.