Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela tratou coa delegada territorial da Xunta das obras de acceso ao porto, “un asunto prioritario”

Nota de prensa

JOSÉ Mª GONZÁLEZ BARCIA CALIFICOU DE POSITIVA A VISITA REALIZADA HOXE AO CONCELLO POR RAQUEL ARIAS. AMBOS FALARON DAS OBRAS DE ACCESO AO PORTO, “UN ASUNTO QUE É PRIORITARIO PARA BURELA”, SEGUNDO O ALCALDE.

Burela, 17 de xuño de 2011. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, calificou de positiva a visita realizada ao Concello pola delegada territorial da Xunta, Raquel Arias. Ambos falaron das obras de acceso ao porto, un asunto que é prioritario para Burela e tamén do estado das rúas e do pavillón do colexio Virxe do Carme.

O rexedor explicou que “se trata dunha visita de cortesía de Raquel Arias para coñecer os proxectos que o equipo de goberno ten para o concello de Burela nestes próximos catro anos”. González Barcia subliñou que “a viaxe tamén se enmarca dentro da relación excelente que mantemos ela e máis eu, dado que durante aproximadamente un ano fomos compañeiros de escano na Deputación Provincial e esto sempre crea afinidade entre as persoas”.

O alcalde de Burela dixo que “o máis importante é o que nos lle pedimos que nos axilice diante da Xunta de Galicia e nese sentido a preocupación fundamental que temos é a axilización das obras do acceso ao porto de Burela. O prazo de exposición pública dese proxecto xa rematou e se van a resolver as alegacións presentadas nos próximos días”. José Mª González Barcia confía en que “nos vindeiros meses se inicien os trámites para a realización das expropiacións precisas de cara á finalización da obra” e anuncia que “nos próximos días, aínda que ao mellor de maneira informal, vou manter unha conversa co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e lle vou plantexar este tema porque considero que é prioritario para Burela e no que todos temos que traballar”.

González Barcia engadiu que “ademáis eu plantexéille a Raquel Arias outras dúas cuestións que, sin ter a importancia do acceso ao porto, tamén convén ter presentes. O pavillón do colexio Virxe do Carme ten algunha que outra deficiencia que impide que a actividade deportiva se poida practicar con plenas garantías. Eso por un lado e por outro todos somos conscientes aquí en Burela de que o estado das rúas non é o mellor, me refiro ao que é a situación do propio firme. Tamén hai que recoñecer que se vai levar a cabo a rexeneración dalgúns tramos de rúas con cargo a un convenio asinado coa Deputación, pero moitas quedarán na situación na que están, xa non na situación que están senón que van empeorar”. O alcalde anunciou neste sentido que “é moi probable que nos próximos meses presentemos un documento para que se poida avaliar o importe daqueles tramos que están máis afectados e empezar a programar posibles inversións por parte da Xunta de Galicia dentro destes dous aspectos”.

José Mª González Barcia calificou a visita de Raquel Arias a Burela como positiva, “pero tamén coma unha primeira toma de contacto porque seguro que reunións destas coa delegada territorial da Xunta vamos ter bastantes porque hai moitas cousas que facer e moitas cousas que xestionar. E aí vamos estar codo con codo traballando con ela”.

Exit mobile version