Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Innovación Social da Deputación ofrece máis de 400 prazas nas actividades gratuítas de xuño

Nota de prensa:
O Centro de Innovación Social da Deputación ofrece máis de 400 prazas nas actividades gratuítas de xuño

– O In Lugo arrancou hoxe a programación deste mes que inclúe 28 cursos, obradoiros e seminarios sobre as vantaxes das novas tecnoloxías, dirixidos a persoas de todas as idades

– Cospeito e O Saviñao son os Concellos beneficiados nesta ocasión das xornadas formativas itinerantes logo da solicitude de diferentes colectivos municipais

– A inscrición, cuxo prazo está aberto, pode facerse nas instalacións do centro na capital, na web www.inlugo.deputacionlugo.org ou enviando un email a inlugo@deputacionlugo.org

O 1º Centro de Innovación Social en Galicia (In Lugo) que puxo en marcha a Deputación mediante o cofinaciamento do 88,9% do “Plan Avanza” do Ministerio de Industria arrancou este xoves a programación de actividades para xuño. Son en total 28 cursos, obradoiros e seminarios que, de xeito totalmente gratuíto, achegan as vantaxes das novas tecnoloxías ós lucenses co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Na convocatoria deste mes, o organismo provincial ofrece máis de 400 prazas a persoas de todas as idades.

Hoxe o In Lugo, situado na rúa Frei Plácido Lemos da capital onde tamén se atopa a única Escola de Imaxe de Son que impulsou a institución luguesa, acolleu as dúas primeiras xornadas formativas que se celebran este mes. Son “Correo electrónico, buscadores de Internet” e “Fotografía Réflex”, nas que 20 lucenses cobren a cota de prazas dispoñibles.

En total, o centro organiza en xuño 19 cursos tales como: DNI Electrónico (a chave imprescindible para facer uso da administración electrónica que implantará a Deputación na provincia tamén este mes); Iniciación á Informática (dirixida a persoas que non teñan coñecementos básicos sobre esta ferramenta); Telefonía móbil (para maiores de 65 anos); así como Redes sociais, Xestión de arquivos, Crea o teu propio blog; Writer; CALC; Vídeo dixital; e SIXPAC (para todos os públicos).

Non todas estas xornadas se celebrarán nas instalacións do Centro de Innovación Social xa que, co obxectivo de facilitar o seu acceso, 3 delas se levarán a Cospeito, Escairón e Vilelos, tamén en O Saviñao. Son ditos Concellos os que nesta ocasión se benefician das actividades itinerantes logo de que distintos colectivos municipais o solicitasen. É o caso das Mulleres de Xermar que pediron un curso de Iniciación á informática que terá lugar na sede deste colectivo, de 21:00 ás 22:30 horas, os días 3, 10, 17 e 24 de xuño; os veciños de Escairón que acollerán na biblioteca municipal, o 20 e 21 de xuño, de 20:00 a 22:00 horas, unha xornadas sobre Sixpac; pola súa banda, dende 27 de xuño ó 1 de xullo, de 20:00 a 22:00 horas, a Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos recibirá formación sobre Ofimática.

Ó respecto dos seminario e obradorios, haberá 9: Lembranza fotográfica (para maiores de 45 anos); Prevención de riscos domésticos (para maiores de 45 anos); Políticas de Igualdade; Axudas e subvencións (para todas as idades); Busqueda activa de emprego (a partir dos 16 anos); Seguridade en Internet (nenos de entre 10 e 15 anos); Crea o teu horario escolar (de 6 a 12 anos); Educación vial e civismo (de 8 a 14 anos); e curso de Padel adaptado (para cativos con discapacidade).

Inscrición

Todas as persoas interesadas en participar nas actividades gratuítas do Centro de Innovación Social deste mes poden formular xa a súa inscrición. Para elo, deberán achegarse as súas instalacións (rúa Frei Plácido Lemos da capital) no seguinte horario: de luns a vernes, de 9:00 a 21:00 horas; sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00; e domingo, entre as 10:00 e as 14:00 horas. Ademais, tamén poderán solicitar unha praza na súa páxina web www.inlugo.deputacionlugo.org; ou enviando un email a inlugo@deputacionlugo.org.

Formación on line

A maiores da modalidade presencial, existe a posibilidade de facer cursos on line, de diversas temáticas, como alfabetización informática, imaxe e son, iniciación ó deporte, Internet, orientación sociolaboral, ofimática e redes sociais, entre outros. Para poder participar, é necesario darse de alta como usuario da aula virtual, entrando na web www.inlugo.deputacionlugo.org descargar un formulario de inscrición, cubrilo e envialo á dirección de correo electrónico inlugo@deputacionlugo.org O usuario recibirá despois outro e-mail coas claves de acceso para cada curso solicitado.

Tódalas actividades, presenciais e on line, son gratuítas, pensadas para tódolos públicos, e están encamiñadas a achegar as novas tecnoloxías á poboación, sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos, contribuíndo a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, favorecer o envellecemento activo e eliminar o illamento dos veciños da provincia.

Exit mobile version